Espíritos malignos vía wasap

Matalobos
Matalobos

Francisco Ant. Vidal Blanco. Por culpa duns wasaps, e dos espíritos malignos que operan a través desta rede social (en palabras da autoridade), a mediados de novembro, impúxoselle o toque de queda a todos os mozos menores de 17 anos no pobo cafeteiro de Pajarito, nas montañas colombianas. A alarma apareceu tras observar como varios rapaces comezaron a portarse de forma rara, con ataques de histeria, convulsións, autolesións, dicindo parvadas e anunciando futuros suicidios, supostamente posuídos por uns malvados demoños que vía informática lles obrigaban a cometer tales actos contra si mesmos.

Debe ser a primeira vez que un wasap provoca un toque de queda, esa medida excepcional que se dita como precaución, pero que no fondo encerra todos os sentimentos de medo imaxinables, tanto por parte de quen o impón como de quen o sufre. Así pois, coidado cos wasaps, parecen cousa simple e amable, pero cárgaos e manéxaos o demo. Veñen sendo como unha bomba que ninguén sabe onde nin cando vai explotar, que tanto pode causar a desaparición en corpo e alma dun ministro como a caída, derrube e asolamento das máis altas estruturas do Estado. Eu mesmo acabo de darme de baixa dun grupo que me ameazaba con todo tipo de desgrazas familiares e persoais se non asinaba certo manifesto ou se non expandía entre os meus contactos a súa apocalíptica mensaxe en menos de media hora.

Certamente, contra o bombardeo provocado pola rede, cando esta se converte en pretensiosa arma de argalladura masiva, só funciona un bo escudo mental que che axude a discernir entre o conveniente e o inconveniente. Agora tamén sei que por orde ministerial, nas próximas eleccións dispararan, a destra e sinistra, vía redes sociais os seus mísiles teledirixidos todos os candidatos, directamente á parte máis sensible de cada un de nós, sen respectar a meditada reflexión que polo xeral dura máis dunha simple véspera electoral.

whatsapp-evilO malo dos wasaps é facerlle caso sen medir as retorcidas intencións de quen os manda sen ponderación, sen aprender antes a usar o botón de erased que vén incluído de fábrica en todos os aparellos. Mais este é o modernismo do que ninguén quere prescindir, o que todos levamos no peto como pistola ó cinto para mofarnos e ridiculizar sen medir as consecuencias. Imaxinade que no Senado se prohibise o seu uso acusándoo de albergar o nubeiro da discordia e se obrigase por lei a exorcizar a rede social de cada un para evitarlle ós perversos trasnos, verdadeiros delincuentes ó amparo da nocturnidade electromagnética, a facilidade para teclear, propoñer ou vangloriarse dos máis profundos e incontrolados actos vandálicos a golpe de matapiollos, incluso para propagar con prepotencia as sabidas verdades que todos coñecemos, pero non nos gusta oír, de se un xuíz está comprado ou unha votación amañada. O malo das redes é que invitan á espontaneidade e esquivan a reflexión. Dicíanos un profesor de ética que se antes de dicir algo o pensásemos durante un par de segundos, moitas veces ficariamos calados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *