Corga da Fecha

P1100622_stitchXosé Manuel Lobato. Cor outonal navegando sobre a Corga, variedade que acouga no repouso desa furia de espectacular fermosura que é a ruxidoira. Dobregar ante o ruxir dun regato que goza dunha das mellores vistas para gozar o mimo do feitizo natura, espírito que deambula e sintoniza co son único da Fecha. Viveza no verde turquesa, nese remanso de repouso para todo  ente cromático de caducas amarelas, lilas, marróns, pardos e variados verdes murchos nunha mestura de cores sen par.

Un limbo colorido onde se esquecen do seu rol a costureira grande que ante semellante panorámica xa non cose, mesmo o gaiteiro aliazul e gaiteiro verdilongo de ensaiar e, facer soar con acompasado ritmo os seus instrumentos.

Ganduxar e tocar faino o regato, o seu tapiz de caducas reloce sen costuras sobre a turquesa fluvial, mentres que o seu fiadiño son dende que non mobiliza ás moas, non ten parangón.

Escintilante luminosidade nunha continuidade nocturna. Pois nesta contorna mora o candil tenazado, familiar e íntimo amizado dos pateiros. Entrambos conseguen que esa luz natural e orixinal do enclave non esmoreza, malia a esas noitebras bretemosas habituais na zona.

Espazo tridimensional embruxado polos efluvios da catarata, un dos poucos sitios onde moran e aparellan dous dos espíritos máis escasos e esquivos. Ara de fertilidade para a saudade de lembranzas dos espectros vitais de son e cromática.

Estimuladas e animadas pola viveza do lugar, o dúo de raras imaxes espectrais fixa como referencias para a súa tranquilidade e seguridade tres miradoiros de vixía activa. Cruz do Touro, serra de santa Eufemia e portela do Home.

Esquecer e soñar preto da Corga da Fecha esa é o grande atractivo deste xovial e cordial mociño fluvial, atípico pola tranquilidade, acolle sen estridencias a seres endémicos en grave perigo de extinción.

Lembranza especial para os nosos protagonistas, veciños dunha das paraxes máis fermosas do Xurés. Costureira grande, gaiteiro aliazul e verdilongo que de momento soportan a invasión dos bípedes.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *