O Son que coñeceu Ramón Caamaño

O Andel jpgPedro García Vidal. A estadía do fotógrafo Ramón Caamaño Ventín –referente da fotografía galega da primeira metade do século XX– en Porto do Son nos anos 1933-34, vai ser o fío condutor deste magnífico traballo dos investigadores Raúl Soutelo e X. Manuel Vázquez, distinguido co XI Premio Manuel Murguía de Ensaio.A colección de fotografías atrapadas durante a súa experiencia vital en Porto do Son, convértese en xermolo dun libro que nos ofrece unha espléndida radiografía dun tempo e dunha forma de vida. A idea dos autores de construír un relato a partir da imaxe vai demandar non só o aporte de materiais fotográficos, senón tamén documentos en papel, así como fontes orais da memoria das xentes dese tempo, nunha combinación de ensaio e reportaxe fotográfica que abarca campos diversos como os traballos, as comunicacións, a demografía ou os conflitos sociais: serán esa “xente e espazos dentro e fóra do marco fotográfico” aos que fai referencia o título. Unha visión completa dun tempo e dun lugar que un fotógrafo singular deixou retratado.

Libro que recupera a memoria fotográfica e a das fontes orais de quen viviu ese tempo. Un tesouro emocional para a veciñanza, reflectida nestas páxinas, nunha coidada edición a cargo da Deputación da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *