A loiada capitalista do oito infinito

ano-personal-8Noelia Toledano. Estivo morta un terzo da súa vida. Agora é útil para algúns porque traballa, e incómoda para outros porque come demasiado. Comer tres veces ao día é un mal costume e distinguir as bolas de pan da carne, a manteiga do magro, preferir o pito ao porco e insistir en carne branca, peixe branco e eliminar a faragulla, é un pecado mortal nestas lareiras. Ter claridade mental e tentar conseguir o oito/oito/oito, a loiada capitalista do autocontrol, tamén. Ela quería ser branca; coma Michael Jackson. Pero ao tentar bailar o moonwalk, dislocou unha cadeira e decidiu deixar de tomar o sol. Como non podía viaxar, optou por atar cordas de cor á cintura. Para encherse de exotismo, aproveitou restos de tinguidura nun cepillo para aclarar os cabelos e parecer dourada polo astro rei. Nada. Durou unha foto. No instituto coñeceu a Bowie. Por aquel entón decidira ser negra a ver se podía crear un álbum. Cando viu por primeira vez un ollo de cada cor prometeu aprender a arte do funámbulo. Estaba convencida de que se botaba suficiente terra negra no ollo dereito, volveríase azul. E se miraba ao ceo o tempo suficiente co ollo esquerdo, este mudaría a mar. Ter os ollos iguais e verdes era unha esperanza inútil no medio de pisos que non constituían nin unha vila nin unha cidade. Sen identidade labrega, sen himno nin patria, non podería vivir fóra de casa, así que decidiu morrer. Estaba en metade de todo, como as margaridas entre os campos das bostas de vaca e as xiringas de soños baleiros e debilidade. Ela quería ser pura. 15067100406923Na igrexa insistían en que vise a Deus e fora virxe, na casa insistían en darlle pastillas para que non trouxese un bombo, na escola insistían en que baixase das nubes, na universidade insistían en que respectase as normas, no traballo insistían en que deixase de pensar e na vida insistían en que anulase a súa fame atroz. Ela quería ser negra. Estaba convencida de que se aspiraba fortemente podería tragar todas as cores e vivir coa súa ausencia. Por iso morreu, para anularse nun gran buraco negro que a regurxitou 16 anos máis tarde, dous terzos sen vida, sen poder aplicar os seus oitos infinitos nin as súas teorías cromáticas do ollo de mosca. Decidiu atar unha corda ao pescozo e cuspir serpentinas. Agora era morada e tiña os ollos inxectados en sangue. Algo difícil de dixerir e incómodo, pero estaba viva, coma un arroto. Entre o fume e a nada.

3 comentarios en “A loiada capitalista do oito infinito

  1. Es una lectura cuando menos, interesante. Me cuesta entender, de todos modos, que haya sido escrita por una mujer. ¿Un arroto, eructo? ¿Es una mujer una incomodidad, una indigestión? ¿Para quién? En cualquier caso, ¿no es peor una hez, que inunda con todo su hedor un espacio vital sagrado?…

Deixa una resposta a Noelia Toledano Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>