Vivir a galope. María Xosé Queizán (MXQ)

Vivir ao galope. QuizánPilar Sampedro. As memorias máis esperadas dos últimos anos. A autobiografía dunha muller que representa unha época, unha maneira de pensar e actuar. Un relato que recolle os ecos de Galicia desde a posguerra ao momento actual. Di a cuberta que o libro é o “testimonio literario dunha vida intensa e comprometida”. Certamente, vivida a galope, pegada á vangarda de cada tempo, implicada na cuestión ideolóxica tanto na partidista como na feminista, disposta a apostar pola vida e a creación, cunha actitude responsable coa lingua e a cultura galega… As súas memorias tardaban porque ían traer luz sobre o tempo vivido e ían debuxar as outras vidas que camiñaban á par.

A que se nos presenta é unha muller valente que non se para ante mitos ou ilustres; sempre dá opinión e está disposta a descabalgar a quen sexa desde a súa verdade.

A obra está realizada cun afán recompilador tal como se demostra na parte final cando se recolle a bibliografía (cine, ensaio, narrativa, poesía, teatro, dramaturxias, outras publicacións como revistas, colaboracións, traducións, obras colectivas, obras traducidas) e mediateca (rede, televisión, radio galega, outras gravacións). A autobiografía divídese en cinco partes:  “Orixes, guerra e o  Vigo industrial” (1939-1849),  “De cárcere en cárcere” (1949 – 1962), “Voda , maternidade e acción política” (1962-1974), “A Igrexa e a escritora” (1974-1979) e “Ritos, sexualidade e literatura” (desde 1979).

Trátase dun libro de longo alento que comeza buscando as raíces nos antepasados, demorándose na infancia, na perda do pai e na relación coas familias materna e paterna. Cando colles o volume nas mans sabes que esa parte non vai ser obviada senón que constituirá a base na que se vai asentar todo o posterior, a foto da cuberta é evidente: esa nena con traxe mariñeiro coa que segue a gardar semellanza a autora, esta aí para avalar o que virá despois. A adolescencia, de cárcere en cárcere, seguindo os destinos do segundo home de súa nai; a mocidade tenteando diferentes oficios, o tempo de residencia en París e o encontro co que vai ser “o seu marido” (como ela o denomina). Atópanse dúas persoas de gran valía para o país, dúas personalidades que traballan á par na creación de organizacións como o Consello da Mocidade ou a UPG; un autor e unha autora de gran repercusión.

Falar deste libro leva implícita a obriga de dicir o que pode non verse a simple vista, como que ela e Ferrín comezan escribindo ao tempo, el Arrabaldo do Norte e ela Coa orella no buraco, as primeiras obras representativas da Nouveau Roman, aínda que a del se publique antes. A súa novela é a segunda escrita en galego por unha muller. E tamén, non debemos obviar que é pioneira no ensaio, no guión cinematográfico e no teatro (onde o fai todo, desde a escrita á tradución, a dramaturxia, actuación, dirección…).  Unha verdadeira polígrafa!

Ao lado da literatura está a vida, unha existencia dura, de supervivinte desde o primeiro momento (cando semella que o pai quere deixar algo sobre a terra antes de que o maten), os xuízos para a anulación dun matrimonio do que hai dous fillos (de aí que un dos capítulos fale da Igrexa) pero tamén da felicidade de quen ao par da loita goza de cada instante porque -segundo ela- as feministas fano sempre, a coherencia de adoptar unha nova opción sexual e non camuflala senón declarala abertamente…

Este é un libro de libros, porque nel atoparemos a documentación e ambientación das súas obras, a historia do feminismo galego, a biografía… e incluso iso que andan a buscar moitos lectores: e que di de fulaniño? pois si, a opinión sobre persoas representativas da época.

Eu, que non quero facer -neste momento- outro tipo de crítica, debo confesar que atopei nel algún tesouro relacionado coas súas opinións sobre o valor da conversa, da lectura e escritura, da literatura ou do pensamento.

Unha pequena mostra:

“Sei que estamos en proceso de humanización, que os avances son extraordinarios no referente ao noso cerebro frontal, da última evolución cerebral, pero que compartimos cos animais un cerebro primitivo, un sistema límbico relacionado co sexo, co poder, con actuacións agresivas, con emocións básicas. O dominio persoal desas tendencias debe ser abordado para mellorar a conduta social. Non se avanza en liña recta e regularmente  prodúcense regresións avaladas por teorías, que reciben diferentes nomes en cada ocasión histórica, pero teñen sempre unha tendencia regresiva, producir unha crise do pensamento científico, e distanciar as ciencias das humanidades. O postmodernismo é o nome do retroceso actual, onde a realidade non é máis ca unha construción mental. Todo é relativo e iso rompe con toda a herdanza mental da humanidade.”

“Saín a pensar e a facer visibles os meus pensamentos, ceibalos na nosa lingua antiga, construír novos significados, asombrando a nosa literatura con novos tratamentos e novos temas.”

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *