Rosiñiña

muertecasaMauricia Ces Quintáns. Roosa, Rosiiña, Rosiñiiña…! Lévame, lévame contigo, Rosiñiña, lévame contiiigo¡ Os berros escachaban como chumbo nas pedras sen eco da corredoira. Por toda a aldea retumbaban os teus gritos. E o rebote do silencio doía máis forte que a desesperanza. Palpitaba o medo. A ausencia partía nas túas costas como vimbios secos. Era a fin, sen máis. O mundo paraba e xiraba ao teu redor como se toleara e fose deixarte fóra del ou levarte consigo; non dabas creto, non discernías. Un mundo onde non estaba Rosiña.

E ti, coa traizón nos dentes, coa angustia do inevitable, corrías coma o medo, corrías coa desesperación a flor de pel. Tentabas atallar a distancia do eco, da traizón.

Podías perdoar, negalo. Se te levara. Aínda. Podía resolverse aínda. Pero se non era nada… Só tiña que ouvirte. Por iso berrabas unha e outra vez. Cedías á humillación, aos rogos, sen parar as súplicas. E as bágoas fervíanche nos ollos como pucheiros de leite; rolaban polas túas fazulas incendiadas, negras coa terra de enredares mesturadas cos mocos e saliva, e caían ao chan atraídas pola gravidade e a impotencia. E os saloucos espetábanse nos teus ouvidos como puños. Non te renderías ata quedar durmida; no alto do camiño.

Xa sabías andar. Xa non te levaba no cesto, pilotando o avión, á leira, á herba, a sachar o millo. Por iso chorabas, berrabas, corrías coas túas pernas pequechas. Era tan doado, tan doado… Volvería as costas; primeiro xiraría a cabeza…

Esquecerías a dor, o pranto. As tripas deterían o inquedo rebulir no teu ventre; cedería a náusea, o afogo. Xa non cuspirías o medo. Rosiña, Rosiñiña, lévame, lévame contigo Rosiñiña, eu tamén quero ir, quero ir contigo, Rosiñiña, miña Rosiñiña¡

Pero a figura, delgada, fermosa como unha santa de ir á misa perdíase na contorna agora máis difusa da corredoira da Aldea de Abaixo. Desaparecía ao lonxe; cada vez máis pequena, cada vez máis lonxe, cada vez máis sen ti, xorda ás túas súplicas inútiles, e devolvíate ás areas como unha balea vomitada, moribunda.

O sol nos ollos impedíache case distinguila. Polas pernas miúdas de xeonllos negros de xogares coa terra corrían regueiros de pis, quentes, húmidos. Berrabas co esterno, coa rabia, coa gorxa enrouquecida. No medio do camiño.

Xa ía máis aló do portelo. Rosiñiña: túa nai. Co cesto de corres á cabeza enriba do mulido. O sacho ao ombreiro e o fouciño.

Xa ía máis aló do portelo.

2 comentarios en “Rosiñiña

  1. Como dixen con anterioridade, Magdalena, as tùas palabras son curativas e agradezoas, non sabes canto. Verdade ou mentira, contėntame que, dalgûn xeito, o teñas gostado e compartido. Grazas.

  2. Aquí solo estamos de paso apreciada Mauricia. Cuando alguien desaparece y sabemos que es para no volver, ponemos los ayes del dolor muy altos, a veces como un rosmar de protesta y desolación interior, y otras, tanto, como la que gritaba por Rosiña. Dicen que el honor de un pueblo pertenece a los muertos, nosotros los que aquí aún estamos solo lo usufructuamos. Rosiña, ya tiene parte de ese honor, y un cacho de él, se lo debe a quien la ha recordado en este artículo. Sea realidad o ficción, enhorabuena.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *