Triste é o cantar que cantamos

andelPilar Sampedro. (Aos libreiros de Andel (que ademais apoiaban as asociacións de defensa do libro galego) en agradecemento por eses vinte anos facendo cultura e país). O peche da libraría Andel en Vigo tráenos, de novo, o mal aire, os ventos de Hamlet en Dinamarca, esa pena de non poder soster a casa de noso. Que as librarías pechen xa non é noticia, fechan cada día ao longo da xeografía cultural. Tanto nos acostumamos á súa desaparición que semella normal, algo esperado. Ata aí chega o noso conformismo ante esta sociedade do mercado salvaxe, sen límites. Esta resignación é un síntoma da nosa impotencia, ese sentimento de que temos que deixar facer porque estamos ante algo tan grande que xa só a súa sombra nos asombra (que diría Rosalía) e nos vence. Si, derrotados polo mercado, por un inimigo difuso e sen rostro… equivale a non ser bendicidos pola sorte. Está fóra de nós.

Que peche a libraría Andel agrava a percepción, porque Andel non é unha libraría calquera, é unha libraría con máis de dúas décadas de existencia e especializada en libro galego e portugués. A verdade, que bote o peche unha libraría nunca é gratuíto pero que cerre Andel, é aínda peor, porque supón unha nova derrota para a nosa cultura, para a lingua do país e a súa irmá portuguesa; significa a demostración de que non somos quen de manter nin sequera aquelas pequenas empresas que persoas singulares poñen en pé. Evidencia un novo fracaso da sociedade civil que todos e todas formamos xa que detrás desa desaparición tamén está a nosa falta de compromiso no consumo, na elección dos produtos que mellor nos poden representar, na defensa do noso e volve -repetida no aire- a frase: quen o vai protexer se non o facemos nós?

As librarías son un comercio en perigo de desaparición e as librarías comprometidas co libro galego moito máis, elas están xa declaradas en vías de extinción. Son entes resistentes que loitan contra a derrota marcada e tentan sobrevivir no medio dun naufraxio.

andel-do-libro-galego-e-portuguésA ecoloxía tamén é iso, poñerse do lado dos menos fortes para que sobrevivan e se manteñan dando servizo, mostrando alternativas que nos fan mellores, debuxando horizontes. As librarías, tamén son iso, pequenas utopías postas en pé individualmente que deberiamos manter entre todos e todas, porque elas como as casas do pobo, as casas da cultura, as bibliotecas… os lugares que representan o mellor do que somos.

Xa o dixo Rivas, que lles dedicou obras enteiras. As librarías son como templos. O silencio acostuma acompañalas, porque as palabras están escritas e gardadas en cada obra. Os libreiros, as libreiras, son os que nos acollen e guían, aqueles cos que falamos de libros.

O comercio cultural non pode resistir as leis do mercado. Por iso, como clientes ou como votantes que escollen administración, debemos tentar defendelo; aí está a nosa responsabilidade.

5 comentarios en “Triste é o cantar que cantamos

  1. Hace unos meses compré nueve libros casi por el precio de uno, el motivo de ese regalo fue debido a que cerraba la librería. Estaba en un sitio privilegiado de Santiago, debajo de una de las arcadas más transitadas de la ciudad. Es una lástima que esto ocurra pero es así. Yo también creo que este comercio para que no se extinga debería necesariamente requerir un apoyo pero, no es así. Para mucha gente el “ganar” el tiempo leyendo, le supone demasiado esfuerzo para las meninges.
    Besiños palmeiráns e moita letra.

    1. Creo que estamos de acordo na necesidade de “protexer” certos comercios con cada unha das nosas decisións de compra. Dá máis traballo pero é imprescindible. Cada un, cada unha de nós ha de saber que librarías apoiar para evitar o seu peche. Cada biblioteca escolar ou pública tamén o debe ter claro, é unha cuestión de ecoloxía e defensa ecolóxica, case.

  2. En Rianxo temos unha libraría que cumpreu cen anos. Entendo eu que sobrevive grazas a factores externos aos libros. Son donos do local. Está no centro da vila. E sempre tivo outro tipo de artigos axudando a facer caixa. Hai uns dias lanzou na prensa un SOS. Os centros comerciais. Internet
    Dan ganas de chorar pensar nunha vila sen libros. Máis o SOS, estou por afirmar, non mudou os novos hábitos de compra de ninguén
    Sorte!. Bo dia

    1. Si, unha vila sen libros (e máis se é Rianxo) falaría da nosa derrota como humanos construídos de palabras e historias. Ogallá podamos manter o que queda… pasear a rúa do Vilar e ver en que se convertiron a libraría González e a ibraría Galí debería darnos moito que pensar.
      Moitas grazas!

Deixa una resposta a paideleo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *