O club dos 27

lorcaNoelia Toledano. (Dedicado ao Teatro, a Groucho Marx e a Lorca). Nunca pertencería a un club que admitise como socio a alguén como min. Debo confesar que nacín a unha idade moi temperá. Chegados os 27 anos, polo xeral, un xa escolleu unha forma de vida ou está nun proceso de procura. Ten claro o seu traballo ou a súa maneira de gañar a vida. Ten a súa parella, a súa soltería, a súa relixión, a súa situación social e a súa situación predeterminada respecto ao grupo ao que pertenza. Poderiamos falar de pertenza a un grupo político pero cada vez estou máis convencida que os cimentos relevantes de cada un deles, cambalean.

Os pés de barro son un problema en zonas tan lamacentas como as do norte, con orografías eclécticas e peculiares que se afastan dos discursos xeneralizados e normativos. Pertencer a un grupo relixioso en occidente non admite a gravidade doutros tempos agora máis próximos. Este fenómeno natural polo cal os obxectos con masa son atraídos entre si, é unha da catro interaccións fundamentais que orixina a aceleración que experimenta un corpo físico, nas proximidades sempre dun obxecto astronómico. O seu valor próximo é 9,80665 m/s² establecido en 1901.

En 2019, poderiamos establecer como máis relevantes as aceleracións de opinión vertidas e replicadas en grupos de Wasap, de Facebook, de ximnasio, de canas, de tortillas, de viños, de cinema, de caza ou de teatro.

Aos 27, un ten máis ou menos proxectada a súa forma de ver a vida. Un tamén pode estar a actuar: ou ser sen parecer ou parecer sen ser.

Sobrevivín os 27. Non morrín. Polo menos paralicei, momentaneamente, o proceso de morte celular programada. Esta apoptose ocorre en organismos multicelulares coma o meu ou coma os vosos, mal que nos pese.

Sempre cumprimos ordes. Ou de Deus, ou do Ente capitalista e os seus poderes fácticos e fatuos, ou da parella, ou da familia, ou dos amigos ou mediante unha orde xenética e sinteticamente motivada ou do club do que pretendemos formar parte.

Inícianse entón unha serie de eventos bioquímicos que conducen a cambios característicos na morfoloxía das células.

bodas-sangre-644x362A evasión, non de impostos e de capital -o cal repercutiría nunha morte con facenda de verdugo-, tamén é unha opción. Non plausible, é certo. Covarde, tamén. Pero unha opción.

Eles quixeron abusar de certas substancias e formar parte esa amálgama conglomerada de nin sequera boas madeiras, como o músico de blues Robert, Brian Jones, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Jim Morrison, Kurt Cobain e Amy Winehouse.

Estar feito de boa madeira implica ter dureza. A dureza é a resistencia que presenta un corpo para ser penetrado por outro. As madeiras máis duras do mundo son as máis difíciles de raiar, cravar ou aparafusar. A dureza tamén mide a súa resistencia ao rozamento como o desgaste ou a ser cortada, por tanto a dificultade para traballala. E isto require mans expertas. A dureza tamén depende das condicións da madeira, se a madeira está húmida, perde as súas calidades e o seu peso específico.

Sobrevín os 27 porque estou feita de madeira de pau de ferro. Desde tempos remotos a súa madeira dura e de cor escura, serviu de materia prima ás comunidades indíxenas do deserto de Sonora. Os maios, os yaquis, os pápagos e os seris utilizárona tradicionalmente para elaborar: utensilios e instrumentos musicais, arpóns de pesca e zunidores rituais para as cerimonias nas covas. De pau de ferro tamén se fan postes para cercas e estruturas para soster as vivendas. E o máis importante: tradicionalmente usouse como combustible.

Non atopei sentido, é certo. Sentín que estaba a vivir por inercia, tamén. Confundir o sentido real co ideal, tamén é unha opción.

Entón apareceu o teatro, unha vez máis.

O pau de ferro é unha árbore de deserto. Atopámonos sempre na soidade do deserto e temos oasis, visións ou epifanías pero nunca certezas.

garcia-lorca-5-1440x808Cando cumprín 27 vin a Lorca. Descalzo. Abría os seus brazos ante min, vestido de señorito e sen suor, entre as dunas areosas, a máis de corenta graos. Ofrecía o seu colo para acoller un pau seco, ferido e duro en metade do deserto. Cos ollos vidrosos e poeirentos coma un peixe sen sangue fresco, necesitaba un anaco de pan. Falou.

O teatro é a poesía que se levanta do libro e faise humana. E ao facerse, fala e grita, chora e desespérase. O teatro necesita que os personaxes que aparezan na escena leven un traxe de poesía e ao mesmo tempo que se lles vexan os ósos, o sangue. O teatro é unha escola de pranto e de risa, e unha tribuna libre onde os homes poden poñer en evidencia morais vellas ou equívocas, e explicar con exemplos vivos normas eternas do corazón e do sentimento do home. Neste momento dramático do mundo, o artista debe chorar e rir co seu pobo. Hai que deixar o ramo de azucenas e meterse na lama ata a cintura para axudar os que buscan as azucenas. Na nosa época, o poeta ha de abrir as veas polos demais. Por iso eu entregueime ao dramático, que nos permite un contacto máis directo coas masas.

O 27 é o meu club, aínda que non teña carné de socio nin cota trimestral.

3 comentarios en “O club dos 27

  1. Buenos días y bienvenida, Noelia.
    Seguramente conocerás estas frases de Groucho, pero por si no las has escuchado o leído, te las envío, merecen la pena:

    “Estuve tan ocupado escribiendo la crítica que nunca pude sentarme a leer el libro”

    “La verdad es que me parto de risa con tu libro. A ver si tengo tiempo y lo leo”

    Y esta otra que es fantástica:

    “Mi poema favorito es uno que comienza: “Treinta días tiene septiembre… ” Es el único que te dice algo actualmente.

    Saludos palmeiráns, Noelia, y reitero la bienvenida.

Deixa una resposta a Noelia Toledano Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *