Ondas estrañas no mar

Sinal advertindo do perigo de tsunamis na baía de Monterrei (California)
Sinal advertindo do perigo de tsunamis na baía de Monterrei (California)

Jose Lires. Algunhas fotografías, pinturas, ou mesmo gravados clásicos, transformáronse en estampas icónicas co paso do tempo. Non podo dicir que teña unha imaxe predilecta deste tipo, pero si unha especial querenza pola recoñecida obra do pintor xaponés Katsushika Hokusai (1760-1849) A grande onda de Kanagawa. A escena representa unha paisaxe mariña onde, en primeiro plano, unha xigantesca onda ameaza afundir varias embarcacións. Ao fondo aparece a silueta do monte Fuji como testemuña da inminente traxedia. Sospeito que certa inspiración nesta obra tivo o deseñador do sinal universal de risco de tsunamis.

Esta palabra, de exótica grafía, parece trasladarnos cara a un mundo alleo á nosa contorna inmediata. Na mente temos os devastadores efectos que produciron os tsunamis acontecidos nas costas de Indonesia, Xapón ou Chile con milleiros de vítimas mortais e incontables feridos. Pero nada máis lonxe da realidade. Sendo Galicia unha comunidade definida como de sismicidade moderada, e observando a particular configuración do noso litoral, poderiamos preguntarnos canto de excéntrico tería o falar do risco de que nos afectase un tsunami.

A fonte máis próxima xeradora de sismos susceptibles de desencadear tsunamis localízase no Atlántico, ao suroeste do cabo San Vicente, na denominada falla de Azores-Xibraltar. Trátase dunha zona de converxencia das placas tectónicas africana e a euroasiática bastante activa.

Pero non todos os movementos telúricos acaecidos no mar producen tsunamis. Os máis perigosos serían aqueles de magnitude superior a 7 e que provocan unha deformación vertical importante do fondo mariño, desprazando, en ese mesmo sentido, a columna de auga situada por riba do terreo deformado.

Tampouco debemos confundir as ondas xeradas por un terremoto e as ondas producidas polos fortes temporais de vento. As primeiras afectan a toda a columna de auga, dende a superficie ata o fondo, mentres que nas segundas unicamente se ve alterada a parte superior do océano. En alta mar, as ondas de tsunami caracterízanse por viaxar a grandes velocidades sen acadaren alturas relevantes, pero cando se achegan á costa, e sobre todo a costas baixas, as ondas perden velocidade, acúrtase a distancia entre as cristas e a enerxía acumulada provoca que gañen en altura xerando un muro de auga cun gran poder de penetración cara ao interior do continente.

Terremoto de Lisboa

O tsunami que sucedeu ao coñecido como terremoto de Lisboa de 1755 deixou un regueiro de vítimas e destrución ao longo da costa atlántica da península Ibérica. Os seus efectos tamén se deixaron notar no noso litoral dende A Garda ata Viveiro. As crónicas daqueles días evidencian o estupor das xentes, previamente atemorizadas polas sacudidas do solo, ao presenciar o anómalo fluxo e refluxo do mar. Axiña abrollaron as crenzas nun castigo divino alentadas pola data do suceso, o Día de Todos os Santos.

O risco, polo tanto, é real aínda que non tan elevado como noutras partes do planeta. Porén, o deterioro dos hábitats costeiros, sistemas de dunas, praias ou marismas, así como a crecente presión urbanística exercida sobre o litoral, acentúan os efectos daniños destes eventos.

Unha sociedade informada debería estar máis preparada para facerlle fronte ás consecuencias dos cada vez máis mortíferos desastres naturais. Non me cabe dúbida de que o amigo Xosé Maneiro, aproveitará a mesma fotografía que me prestou a min, para ilustrar unha clase de xeografía sobre o tema. As aprendizaxes deixan pegada.

Quen lle ía dicir a aquela rapaza británica, de vacacións en Tailandia no 2004, que os seus coñecementos, adquiridos a miles de quilómetros nun condado sen vistas ao mar, ían salvar vidas!

2 comentarios en “Ondas estrañas no mar

  1. No hace muchos días leí esto: “El Hacedor Supremo ha obsequiado a la humanidad con aquel baño internacional en piscina que fue el Diluvio”. El ingenioso autor de la frase fue Enrique Jardiel Poncela, con el cual estoy pasando unas semanas estupendas de lectura.
    En aquellas fechas tenían al gran Noé fabricando el arca de trecientos codos de longitud, cincuenta codos de anchura y treinta codos de altura, bien calafateada con pez por dentro y por fuera, y… aquí estamos todos.
    Lo que tú nos relatas, Jose, ya es más serio. Si dices que el riesgo es real, especialmente para los que vivimos en la costa, miedo me da.
    Bueno, esperemos que continuemos por muchos años en nuestro hermoso litoral sin sobresaltos y que no nos desahucie ningún tsunami de nuestro paraíso, que por cierto, la expulsión del “otro” Paraíso, fue el primer desahucio que ha registrado la Historia.
    Me ha encantado verte aparecer por aquí, Jose.
    Besiños palmeiráns.

    1. Ola Magdalena, moitas grazas por lerme e deixar os teus sempre interesantes comentarios. Se ben é certo que o risco é real, polo momento as probabilidades de que un gran tsunami azote as nosas costas son pequenas. Entramos dentro do campo da estatística e como me din algúns amigos matemáticos aquí hai moita cociña cos datos. Eso si, se ves retirarse o mar no Vilar deixando o fondo seco…corre monte arriba. Avisados xa estamos. Biquiños dende Noia.

Deixa una resposta a Jose Lires Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *