Noia, berce de académicas

CS12C3F2_213752Pilar Sampedro. Noia foi sempre berce de artistas. Por iso podemos falar da Noia literaria e a Noia das Artes que levitan por outra realidade. Igual que Castroforte del Baralla desaparecía de vez en cando, esta outra Noia aparece de cando en vez. Faino de noite ou na anoitecida normalmente, nos días nos que unha brétema mesta se estende desde o Traba entrando na ría e envolvendo a vila. Daquela, polas súas rúas aparecen aqueles que partiron, paseando pola xeografía do recordo, aquela cartografía que se foi con eles e con elas, destruída polas hordas salvaxes do enganoso progreso.

Nestes tempos, a ninguén se lle pasa por alto que dúas mulleres noiesas foron propostas nos últimos tempos para entrar na RAG e a RABA. Nesta última (Real Academia de Belas Artes), acaba de entrar –hai uns meses– Soledad Penalta como membro de número. Unha escultora que comezou traballando coa cerámica para pasarse posteriormente aos metais: bronce, ferro e aceiro. Destacan as súas obras públicas en lugares como o paseo da torre de Hércules na Coruña, e noutros espazos marítimos como Porto do Son ou Baiona, e tamén en espazos de paseo cidadán como a alameda de Noia. Ela, a das grandes obras, escribe no metal, que perfora para deixar pasar a luz como fai sempre a palabra verdadeira, cunha caligrafía persoal e un contido propio, pero tamén deseña xoias para colocar nos corpos, repetindo o selo de seu que sempre recoñecemos. A súa festa de entrada na Academia foi unha celebración que compartiu boa parte da vila, que encheu o Coliseo Noela para acompañala e mostrar orgullo de veciñanza.

anaAna Romaní está a piques de entrar na Real Academia Galega para ocupar a cadeira que fora de Xohana Torres. A poeta, amiga de Avilés de Taramancos, que xa conta no seu haber cos libros Palabra do mar, Das últimas mareas, Arden, Love me tender, 24 pezas mínimas para unha caixa de música e Estremas daralle continuidade ao traballo da muller que nos puxo a navegar a todas… porque existe a maxia e pode ser de todos, dixera naquel clarividente poema no que Penélope sae ao mar. O mar tamén é o elemento de Ana Romaní como podemos ver nos títulos das súas obras; o mar e o xornalismo, o feminismo, a palabra de muller petando nas portas que se derriban cando non se abren. Celebramos esta nova entrada e ademais, que fose en Noia, nun deses días nos que a vila literaria reapareceu e puidemos camiñala.

2 comentarios en “Noia, berce de académicas

  1. Buenos días, Pilar:
    Me encanta leerte porque en tus artículos nos enseñas a detectar valores tratando de desafiar la desidia de los más indiferentes. Yo no sé si todavía puede verse la obra de Soledad Penalta. Me encantaría saberlo, Noia está a un salto de mata e iría encantada. Hace un par de meses un orensano, Antonio Souto, expuso en el Lustres Rivas de Ribeira.
    Su obra se llamaba “Tubos animados” y era de lo más original. Una selección de piezas realizadas con materiales como el hierro y el acero. Como su profesión es la de arquitecto, toda su obra hacía referencia a la arquitectura. Interesantísima. Me encantó.
    Estos días está expuesta la de un santiagués, Plácido Amboage. Son veinte obras en óleo sobre lienzo y acrílico que es una preciosidad. Título: “A paixón”. La vida de Jesús de Nazaret, desde su nacimiento hasta su muerte. Muy recomendable.
    Gracias, Pilar, por divulgar la cultura. El arte no puede ser pobre.
    Besiños palmeiráns.

    1. Grazas polo comentario!
      Creo que neste momento non hai ningunha exposición de Soledad Penalta no Barbanza, aínda que sempre se pode ver a escultura pública que hai no Porto do Son (á beira do mar) e pronto teremos acceso á que se vai realizar en Palmeira. Pena que xa rematou a que tiña na galería Luísa Pita en Compostela, na que xustamente mañá inauguran unha nova.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *