Comercios con encanto e máis cousas

Comercios con encanto. jpgPilar Sampedro. Hai comercios que queremos que duren moito, que pasen por eles xeracións e xeracións. Comercios dos que nos sentimos fachendosas por estar na cidade que compartimos. Comercios que fan máis ca ofertar bos produtos. Un deles é Couceiro, a libraría que cumpriu 50 anos hai uns días e que máis alá de vender libros galegos converteuse nun centro de cultura. Outro é Acivro Xoias, a só uns pasos. Unha xoiería na que podemos atopar pezas marabillosas, cun selo propio: esa maneira meritoria de facerse recoñecible. Á cabeza,  unha muller activa e presente en moitos dos actos culturais e feministas que se realizan na cidade, de forma que a súa imaxe é unha garantía de que estamos no lugar axeitado.

Moitos e moitas de nós paramos diante do seu escaparate porque sempre vale a pena facelo. Unha e outra vez atoparemos xoias orixinais, que moitas veces semellan evolucións do tradicional, e noutras suxiren o desenvolvemento da boa xoiería que vai máis alá de modas e estilos. Ademais, hai outra razón para pararse aí, ao pé, porque nesa fiestra (que é o ollo que nos mostra e nos convida a entrar no interior) acostuman facerse homenaxes a artistas de todo tipo aos que esta muller quere visibilizar. Fíxoo con Miguelanxo Prado (Premio Nacional de Ilustración), co ilustrador Toni Seijas, coa escritora Teresa Moure, e está a facelo coa actriz  Pilar Pereira. No escaparate aparecen, neste momento, os premios recibidos polo traballo nos escenarios, os obxectos que lembran momentos especiais da súa carreira, as fotografías representativas.

Esta é unha tenda que acolle, un comercio que mira cara aos personaxes que forman parte da vida cultural (teñan ou non relación co que alí se vende), un establecemento inclusivo: aberto a outras artesanías e artes, atento a xuntar, a incorporar oficios e manufacturas, natureza e cidade, vida cultural e arquitectura. A suma e a interdisciplinariedade son as súas querenzas. Nas redes sociais pode verse como leva as súas xoias á rúa e trae persoas e obxectos representativos de diferentes ámbitos á súa tenda; así,  a música e a literatura son irmás que viven na casa e, da mesma maneira,  dálles voz e imaxe a moitos outros, compartindo espazo e protagonismo. A natureza, a pedra e os obxectos cotiáns fanse presentes entre as alfaias, e no medio carteis con afirmacións como “Todos somos xoias” ou “A nosa lingua: a nosa xoia”. A nada teme e na súa páxina de istagram pode fusionar a agresiva arte urbana ou a artesanía máis basta coas máis delicadas obras, pousalas sobre un cesto de pementos de Padrón ou apoialas na fachada da catedral,  trasladalas ás presentacións de libros ou ás inauguracións de exposicións, aos concertos ou de viaxe polo mundo.

Por que o conto? Só para que o exemplo renda e se estenda, para que nos sintamos atados ao noso comercio de barrio, de aldea ou de cidade por eses lazos compartidos, por esa cultura que erguemos entre todos e todas no día a día.

Un comentario en “Comercios con encanto e máis cousas

  1. Buenos días, Pilar:
    Creo que ya comenté en contestación a uno de tus artículos, que suelo ir siempre a la Couceiro después de ir a buscar a la casa grande el “Et ego te absolvo” con el abrazo del Apóstol y nunca metiéndome en la garita sacramental. La verdad es que nunca reparé en Acivro Xoias. Es cierto que las joyas son de nulo interés para mí. No es que tenga muchas, pero las pocas que tengo en raras ocasiones las calienta Lorenzo, pero ahora al conocer esas otras razones que tú nos cuentas, Pilar, me pararé con mucho gusto a contemplarlas tal como lo hago con otros monumentos, pues como tú bien dices, la artesanía es arte. Unos minutos delante de un escaparate con un slogan que diga “Todos somos xoias” es tan digno de apreciar como el titán, el Atlas erigido en piedra sobre el pazo de Bendaña.
    Un placer, Pilar. Besiños palmeiráns.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *