Galicia e os galegos na poesía castelá CXV. De nabos e xamóns. Cadalso

5-poemas-de-jose-cadalsoRomán Arén. Se hai un tópico sobre a alimentación dos galegos no século XVII é o dos nabos, a nosa comida nacional para os poetas casteláns; o touciño aparece moito menos. Nabos, pois, miles de nabos, “nabos filisteos” para Luis de Góngora, “Tierra de tocino y nabos” para Quevedo, e Lope, burlándose, di que foi o sobriño dun dos seus personaxes “el primero que sembró/nabos en Galicia” ou en Santa Casilda o criado galego afirma “adonde entre otros esclavos/cautivé, cogiendo nabos,/que era batalla naval”, pois é Galicia terra fértil “de nabos en cantidad” cando Lope describe outro criado galego en Lo que pasa en una tarde descríbeo así: “si bien, por ser corto y ancho,/era nabo de su tierra/fértil de hidalgos y nabos”; as galegas son “rollizas como un nabo”. Tirso de Molina fai que un personaxe se despida de Galicia así: “Adios, redondos y tajados nabos,/adiós pescados, berzas, bacoiños”. E ata Gonzalo de Correas no Vocabulario de refranes y frases proverbiales (1630) cita “Entrai en boas horas, que no vos vía con el fumo de los nabos”.

No século XVIII non mellorou moito a visión dos galegos, aínda que estamos menos presentes na literatura, pero sorprende que Galicia sexa citada polos xamóns e non polos nabos. A cita procede de José Cadalso, o autor de Cartas marruecas e Noches lúgubres, pero tamén poeta en Ocios de mi juventud, pois no poema “Canción de un patriota retirado a su aldea” xa non hai nabos, senón xamóns:

Cantad alegres sones,/bailad alegres danzas,/mientras que se disponen/las rústicas viandas,/y del vino más rico/veinte botas se sacan,/jamones de Galicia,/cecina de Vizcaya…

Algo melloramos pois, xa non só comemos nabos.

Cadalso, que foi o poeta español máis importante do século XVIII, só por detrás de Meléndez Valdés, publicou os Ocios de mi juventud en 1773 e os xamóns non son a única alusión a Galicia na súa obra poética, pois fóra dese volume escribiu outros versos, hoxe ben editados por Miguel Angel Lama en Cátedra (2013), e esa nova alusión fai referencia ao padre Sarmiento. O texto leva por título “Retahila” e foi escrito tras a morte do bieito galego en 1772 (Cadalso morre no sitio de Xibraltar en 1782) e como burla contra a Oración fúnebre que frei Anselmo Avalle pronunciara nas honras fúnebres a Sarmiento o 7 de febreiro de 1773, ano no que se editou. O motivo da burla é a orixe galega de Sarmiento e Cadalso fixo o poema incitado por Tomás de Iriarte, o fabulista, que se burlaba do padre Avalle, negando a galeguidade de Sarmiento, pois nacera en Vilafranca do Bierzo en 1695. Ignoraba Iriarte que Sarmiento se proclamara “gallego de nación” e que o Bierzo pertencía ao vello reino de Galicia.

Cadalso_thumbO padre Avalle, mal poeta, incluíu unhas octavas reais gabando a Sarmiento:

Cortó de golpe solo su guadaña/contra todo derecho de justicia,/el español mejor que hubo en España,/y el gallego mejor que hubo en Galicia;/con lo que ahora ejecutó su saña/puede quedar saciada tu malicia,/y dejar que lloremos con sosiego/la falta de este Salomón gallego.

O “sosiego” do sétimo verso da pé á resposta de Cadalso:

Sarmiento fue llorado con sosiego/porque el otro Sarmiento fue gallego,/que si hubiera nacido en la Bañeza,/ya le hubieran llorado con viveza;/pero siendo Sarmiento malagueño,/le llorararía, ya se ve, con ceño;/y, al contrario, si fuese de Almería,/se llorara tal vez con alegría.

A burla segue outros 24 versos, nos que Cadalso pretende burlarse da escravitude da rima que fixo rimar a Avalle “gallego” con “sosiego”.

Un comentario en “Galicia e os galegos na poesía castelá CXV. De nabos e xamóns. Cadalso

  1. A don Tomás de Iriarte esta vez no le sonó la flauta ni de casualidad con respecto a Sarmiento.
    El nabo también se encuentra junto con el jamón y muchos otros, en el placer de la mesa, ese placer que subsiste hasta el final y que puede combinarse con los demás, a veces para consolar a algunos de la pérdida de los otros.
    ¡ Viva Galicia y que viva el nabo de Lugo !
    Cariñosos saludos, Román.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>