Concello de Rasquizo

old-woman-574278_960_720Óscar Reboiras. —Concello de Rasquizo. Bo día.

—Boas. Que se poña o alcalde.

Do outro lado da liña soou unha voz apurada de muller.

—O alcalde agora mesmo está reunido, pero tomo recado. Por que sería?

—É un tema de vida ou morte. Non está a cousa para recados.

—Señora, todos os días chaman veciños por cousas importantes e ao final…

—Neniña, se digo que é de vida ou morte, é de vida ou morte.

—Por favor, espere. Agora mesmo o busco.

A funcionaria, sufocada, correu ao despacho do máximo responsable municipal. Entrou sen petar na porta. Ante a súa incredulidade e a da persoa coa que estaba sentado, a traballadora xustificouse.

—Perdón por molestar, pero parece que é un tema grave. Polo menos iso é o que din por teléfono.

—Baixo entón.

O alcalde, vista a incerteza do caso, non quixo agardar a que lle pasasen a chamada.

—Ola?

—É o alcalde?

—Si. Quen é?

—Son Maruxa, a do Agro Pequeno.

O mandatario, a pesar de que a interlocutora non o podía ver, puxo cara de non entender nada.

—Non a coñezo, pero dixéronme que era un tema moi importante.

—Pois si.

—De vida ou morte.

—E tanto.

—Importaríalle contarme que pasa?

—Esta semana cumpro 102 anos. Podo morrer en calquera momento.

Non dixo nada máis. O alcalde, medio sorprendido, medio encabuxado, acertou a seguir a conversa.

—Malo será. Deséxolle feliz aniversario e Deus lle dea saúde para desfrutalo —Intentou conter a ironía, pero non puido evitala.

Maruxa seguía sen artellar palabra.

hand-351277_960_720—Pois se non necesita nada máis, déixoa. Teño que seguir cunha reunión importante.

—Quieto parado. Vou cumprir 102 anos e o único que me dis é felicidades?

—Entendo que debeu ter unha vida moi interesante, pero é que agora me pilla en mal momento.

—Ti de aí non te moves. Cando cumprín 100 anos, non souben nada do Concello. Será un despiste, pensei. Cheguei aos 101 e o mesmo, nin caso me fixestes. Así que desta non pasa sen que vos cante as corenta ben cantadas.

—De verdade que o lamento. Non sabía que fose un tema tan importante para vostede.

O mandatario agora estaba nun estado de desconcerto. Non tiña claro por onde podía saír aquela vella.

—Como que non sabías? E logo, hai catro anos, cando saíches elixido, non dixeches que ías gobernar para todos os veciños?

—Claro que si. Por iso estamos a traballar no saneamento integral das parroquias e na creación dunha gardería infantil.

—Mire, non me contes historias. Mexei moitos anos na corte e criei a cinco irmáns. Eu estou a outras cousas.

—A que cousas se refire?

—A que quero unha homenaxe. Xa ben dura é a vida, como para que non me recoñezan o mérito que teño por facerme vella.

—Ten toda a razón. —O alcalde tratou de conter o riso—. Se lle parece, agora ponse a secretaria. Dígalle que día é o aniversario. Farémoslle unha pequena homenaxe e eu mesmo lle levarei en persoa un ramo de flores.

—Non tan rápido. Quero que veñan tamén os do Galicia Noticias. Hai dúas semanas sacaron a unha de 101 anos de Castrovido.

—Maruxa, non lle podo prometer que os da televisión…

—E logo, imos ser menos os de Rasquizo que os de Castrovido? Iso si que non. Que clase de alcalde es? Ademais, era máis nova ca min.

—Nese caso…

—Se non veñen os do Galicia Noticias, despídete do meu voto. As eleccións son agora, en maio. E polo que sei anda a cousa raspada.

—Eu creo que fixemos as cousas ben…

—Vivín unha república, dúas ditaduras e agora, na democracia, o goberno de varios presidentes. Sabes que non lle oín nunca a ningún dos que mandaba? Que o fixeran mal. Eu sigo aquí, e moitos deles non. Só che digo iso.

Desta vez o rexedor non puido evitar o riso. Saíulle natural, sabedor de que estaba diante dunha señora de carácter que ben merecía aquela homenaxe.

—Si que é dura negociando, si.

—Non o sabes ben, filliño. —O ton de Maruxa agora tamén era distendido.

—Vouna levar comigo á próxima reunión cos da Xunta. Vimos con máis cartos seguro.

—Se me metes de segunda na lista, aínda o penso.

Maruxa adoptou de novo a súa seriedade inicial.

—Maruxa —respondeu, dubitativo, o alcalde—, de que parroquia me dixo que era?

5 comentarios en “Concello de Rasquizo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *