Visita a Auschwitz-Birkenau

3f66f5e4c9f04df885ce4274d8e47c5fGonzalo Trasbach. Era mediodía cando chegamos ao territorio da desolación, a vexación e o terror indiscriminados. Entramos polo portón por onde os trens ateigados de deportados ían camiño da estación “Solución final” Birkenau=bidueiro en alemán. Parámonos diante dos barracóns de madeira que teñen resistido en pé o paso do tempo. Un dobre aramado de espiños electrificado bordea as case duascentas hectáreas do campo de concentración, que aínda agora vixían varias torretas, pero que xa nas ocupan os homes da SS.

Camiñas. Miras. Volves pararte. Esta vez diante das cámaras de gas e dos fornos crematorios, das salas onde gardan os obxectos dos que foron desposuídos os cadáveres dos gaseados antes de ser queimados (gafas, zapatos, bolsas, dentes de ouro, pelo, fotos de nenos e nenas fracas e en pelotas…). As outras edificacións están derrubadas, tal como as deixaron os SS antes da estampida final, co fin de agochar as probas dos seus horrorosos crimes, de desfacerse dos escenarios do seu masacre, masacre que perpetraron sobre uns seres que consideraban a vergoña, ou talvez o mal absoluto, da especie humana. Esa infrahumanidade que, ao final, se impuxo á branca elite da raza (in)humana.

Paras outra vez. Pensas nos millóns de vítimas. Pensas nos kapos, os escravos dos SS que levaban aos deportados ás cámaras para ser gaseados, e logo, previa limpeza de todas as súas pertenzas, cargaban cos mortos para trasladalos aos fornos crematorios. Pensas nos verdugos, os auténticos responsables de haber arrebatado aos prisioneiros da súa condición de seres humanos. Pensas no poder destes homes, un poder que é da mesma esencia que a dos que senten que poden matar impunemente.

Diante dos entullos dunha cámara e dun forno, ata onde chegaban os trens, coma tiñas visto en moitas películas, sentas. Recóstaste contra a pel prateada dun groso bidueiro. Pechas os ollos. En apenas uns segundos, remontas o túnel do tempo. Atópaste naquela época de barbarie e terror indiscriminados. Estás no pelello dun deportado. Paréceche terrible que sexa cualificado de inimaxinable o que estás vendo. É imaxinable. Inimaxinable é un termo cómodo, unha especie de escusa para evitar pensalo ou comprender o acontecemento.

Auschwitz Ruta del Mate (3)Veste nun vagón ateigado de xente coma se fose gando. Báixanvos en Birkenau. Non vos levan ao pavillón das duchas, onde gasean os vellos, mulleres, nenos e nenas. Condúcenvos a un barracón cunhas latrinas noxentas, espantosas. Faise de noite. Apagan a luz. Estamos apertados. Uns pegados aos outros, e malia todo sentes frío antes de durmir. Hai un intenso cheiro a roupa vella e sucia. Dórmeste. Cando espertas, tes a boca pastosa. Tes sede. Os outros compañeiros seguen durmindo. Saes fóra. A luz do día empezaba a caer sobre o campo baixo un ceo gris. Mexas. Vai frío. Hai moita humidade no aire. Regresas dentro. Un cheiro acedo a corpos sen levar golpéache no rostro. Os compañeiros comezan a espertar lentamente.

De súpeto, un kapo entra berrando: Antreten! Atas os cordóns dos zapatos e logo saímos todos amodo. Fóra todo está en calma. O val dorme na escuridade. Os cans aínda están calados. Desde as torres os SS vixían mentres ensinan os fusís e as metralletas. Estamos aliñados diante dos barracóns. Volven contarnos coma a noite anterior. Aquí todo é milimétrico, xeométrico. Dan orde de avanzar. Atravesamos un regato de augas fétidas e condúcennos a través dun prado. O chan estaba mollado e a herba perlada de xeada. Camiñamos cara á parte traseira do campo, onde están instalados dous dos novos pavillóns para afogar e queimar a inocentes impotentes.

Lembras que na xornada anterior mataran a todos os enfermos. Mais albergas a esperanza de que non teñan tempo suficiente de metrallarvos ou fusilarvos a todos antes de que vos liberen. Sabes que rebentaron as cámaras e fornos da parte suroeste do campo. Sábelo porque houbo un enorme estrondo de noite, e ademais o vento non trouxo o fedor da carne humana queimada.

auschwitz-birkenau-memorialCando alcanzamos o lindeiro do bosque de bidueiros, pinos e álamos, un dos kapos ao pasar polo noso lado murmurou: a guerra terminou!! Levábamos varios días escoitando que os nazis estaban sendo derrotados en todos os frontes. Que a fin da contenda estaba a chegar. A noticia non nos tranquilizou. Pensas: mentres non nos arrinquen das poutas dos SS, nada terá terminado. Dependeremos dun estado de ánimo, pois ao SS a nosa presenza resultaralle cada vez máis insoportable. Ata este momento só eramos unha masa cuxa aniquilación estaban acelerando. Agora os esqueletos de costas encorvadas, de ventres ocos (musulmáns), van a empezar a desgonzalos.

Volves en ti. Reposte. Diste: enfronte de aquí estivo internado Primo Levi, o xudeu sefardí e químico de Turín, que acuñou o termo musulmáns, figura para referirse aos retidos esqueléticos (case vexetais) que se tapaban cunha especie de saba branca. O italiano foi un dos vinte que atoparon vivo as tropas rusas cando entraron nas instalacións de Auschwitz III, onde había 600 xudeus confinados.

2 comentarios en “Visita a Auschwitz-Birkenau

  1. Querido Gonzalo:
    A medida que iba leyendo tu magnífica entrada, iba visualizando con toda nitidez la diáfana delgadez de los rostros y cuerpos y con las encías desnudas de dientes a causa de la falta de nutrientes de esa pobre gente allí confinada que hemos visto tantas veces en fotografías, noticiarios, libros y películas resaltando la cruda realidad. Cuantas menos ideas albergue un hombre en el interior de su cráneo, más sostendrá y defenderá las pocas que posee, y cuando un dictador para propagar la especie de altos y rubios, manda hacer lo que han hecho, pingüe herencia deja a sus herederos. Una vergonzosa etapa de nuestra vida que por suerte contrarresta con la voluntad de acero del industial alemán Schindler.
    Precioso y emocionante artículo, Gonzalo.
    Le daré un abrazo de tu parte a Santa Rita, tengo una cita con ella y no quiero hacerla esperar.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *