Fronte ao mar da vida

A vila orgánica estírase en función da principal vía de comunicación costeira

A vila orgánica estírase en función da principal vía de comunicación costeira

Pedro García Vidal. Como toda obra humana, os espazos urbanos son construcións ideolóxicas e produtos históricos. Cada vila, como cada un dos seus habitantes, ten unha personalidade propia e así vai reflectirse na súa morfoloxía e estrutura. As imaxes verticais, como textos, son representacións da realidade. Falan unha lingua precisa e din tanto ou máis ca mil palabras. Accedamos pois ás claves representativas desta imaxe aérea da Pobra do Caramiñal, en definitiva ao ser propio da vila expresado na mesma en forma gráfica.

Dende as alturas, a Pobra aparece como un plano lineal, unha vila orgánica que se estira en función da principal vía de comunicación costeira. Puidera, por iso, pensarse nunha poboación nova, unha desas vilas itinerario nacidas ao abeiro do desenvolvemento viario do século XX. Nada máis lonxe da realidade.

A dilatada historia da Pobra, como notable porto atlántico, vai dar lugar a que a súa topografía reproduza a doutras entidades urbanas nacidas á beira do mesmo mar: calexas que protexen do vento e a humidade por medio da prolongación da vila a través dunha lonxitudinal vía interior cortada transversalmente por outras máis curtas e estreitas, dando lugar a un singular tipo de plano coñecido como «plano en espiña de peixe»: o saber popular aplicado a un urbanismo práctico onde a racionalidade manda.

No espazo urbano conviven as dúas almas que anuncia a dualidade toponímica: A Pobra do Deán e O Caramiñal, que refiren a antiga existencia dun barrio señorial con pegadas dun pasado glorioso e un barrio de pescadores a carón das augas. O Deán mantivo no tempo o prestixio das súas tradicións e señoríos. O Caramiñal fíxose industrial por mor da revolución económica da presenza catalá. Aínda fusionados no século XIX, seguiron conservando o seu ton e carácter, unha rivalidade ambiental, antagonismo antigo que hoxe, antes que excluír, aglutina.

Coqueta Alameda, praza pública e espazo verde emerxen sobre un mar aterrado, un mar afastado mediante obra humana que en sucesivos recheos foi conquistando espazo ás augas -só o antigo barrio do Areal conserva aínda a súa condición ribeirega-. Porén, diques e peiraos novos, acougo de embarcacións diversas entre as que sobresaen aquelas que cargan as súas bodegas co alimento que fornece a industria conserveira, manifestan teimudos que o mar da Pobra quere seguir sendo presente e futuro: un mar como horizonte económico sustentado nun porto, «máis navegante que pescador», como xa sinalara o grande escritor García Martí.

Entre unha atractiva montaña coroada polo vixiante cume da Curota, e o mar de Arousa, vía de tránsito e despensa de recursos, a Pobra atesoura aínda no seu rueiro retallos dun urbanismo acolledor de escala humana, anacos de autenticidade, illotes senlleiros de memoria a preservar unha identidade produto de séculos. Este feito diferenciador, a pesar de cicatrices ben visibles no seu tecido urbano, outorga á Pobra ese carácter íntimo e hospitalario, un agradable oasis nunha Galicia costeira urbanisticamente esnaquizada.

Camiñar o paseo do Areal, contemplar esa arquitectura familiar-industrial de fachadas brancas, esa fermosura estética de traballados marcos graníticos nas ventás e de afiligranadas galerías acristaladas, mergúllanos nunha historia industrial vencellada ao mar, memoria visual dunha época de esplendor para a vila, algo singular e propio que proporciona identidade fronte a ese urbanismo uniformizador que o asolaga todo.

 

3 comentarios en “Fronte ao mar da vida

  1. Mi abuela paterna era da Pobra, se casó con un noiés y se vinieron a vivir a Palmeira. La vida, Pedro. Cuando leo que escribes sobre los pueblos que atañen a mis raíces me inflo como un neumático, me encanta conocer datos de los rincones de mis ancestros. Una vez te dije que me gustaría saber algo más de mi pueblo, y confío desayunar un día en este Café barbantiano con una entrada tuya viendo en la ilustración el puerto de Palmeira.
    Y con este ruego teñido de malignidad y participando de una halagadora fe, te mando cariñosos saludos desde esta hermosa Palmeira que tiene mucho que contar.
    Y también besiños palmeiráns.

    1. Prezada Magdalena:

      Grazas polas túas sempre agarimosas palabras. Sen dúbida Palmeira, ao igual que as vilas das que levo escrito, atesoura encantos suficientes para dedicarlle unha mirada xeográfica. Calquera día póñome con ela.
      Unha aperta

Deixa una resposta a Pedro García Vidal Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>