Galicia e os galegos na poesía castelá CXIX. Ecos de Compostela e o Camiño

spain-2450891_960_720Román Arén. O camiño de Santiago, a peregrinación, está moi presente na literatura europea (e mesmo máis aló), pero, como é lóxico, está moito máis evidente na poesía castelá, xa dende a Idade Media, e o Romanceiro amósao ben claramente. O problema do “romanceiro galego” é difícil e motivo de controversia, que eu evito, xa que acollo romances non recollidos entre nós. No romance “Hermanas Reina y cautiva” o camiño, o peregrinar a Compostela é para cumprir promesa e para pedir fertilidade:

Echaron mares abajo/ echaron mares arriba/ y encuentran al rey de Flores/ y a su mujer que venían/ de cumplir una promesa/ de Santiago de Galicia/ que les diese niño o niña.

O tema deste romance é o de “Floire et Bancheflor”, poema francés do século XII.

Noutro romance, “Urraca y Rodrigo”, aparece de novo o templo de Santiago:

Acordársete debería/ de aquel tiempo ya pasado/ cuando fuieste caballero/ en el altar de Santiago.

O “Romance del Conde Lombardo” tamén amosa a presenza xacobea:

En aquellas peñas pardas/ en las sierras de Moncayo,/ fue do hizo el rey prender/ al conde Grigo Lombardo/ porque forzó una doncella/ camino de Santiago…

No coñecido como “Romance del rico franco” atopámonos cun “cuchillo lugués”, e son moitas as referencias nos romances.

A peregrinación medieval chega ata o teatro clásico español e, para pór un exemplo, en Las mocedades del Cid de Guillén de Castro, ao falar o Rei, di:

Lleguémonos al altar/ del Santo Patrono de España.

Esta presenza xacobea está tamén na poesía española do século XX (Ramón de Basterra, Gerardo Diego…) e ata no teatro, como amosa a peza Camino de Compostela, retablo poético de Felipe Ximénez de Sandoval (1903-1978), escritor falanxista que tamén foi vangardista na novela (Tres mujeres más equis, 1930) e no teatro (Robinsón, 1928), pero que era moi coñecido entre os seus correlixionarios fascistas pola novela bélica Camisa azul (1938).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>