Galicia e os galegos na poesía castelá CXX. Na defensa de Madrid

0600Román Arén. A defensa de Madrid é a que o pobo madrileño fixo na guerra civil fronte ao asedio de Franco. Poucos acontecementos históricos xeraron tanta poesía, xa que non foron só os poetas “profesionais” (Cernuda, Aleixandre, Machado, Vallejo, Auden, Brecht, Hikmed…) senón tamén os soldados, os sindicalistas, os cidadáns os que cantaron a prol da República, fundamentalmente a través do romance. Contamos xa con moitas compilacións desa poesía (en inglés, francés, catalán, castelán) feitas por Serge Salaün, Puccini, Pereda Valdés, Alberti, J. E G. Colomer, Valentine Cunningham, Hernando… Eu manexo agora Capital de la gloria. Poemas de la defensa de Madrid (2006) de Jesús García Sánchez, que contén algo máis do que o título indica, pois hai tamén poemas para outras circunstancias como o asasinato de Lorca. E no bando leal non faltan os galegos escolmados: Rafael Dieste, Lorenzo Varela e Ángel Lázaro. Tamén contén poemas a Líster e contra Franco. Non están ausente nomes que sorprenden como Jacinto Benavente. En Galicia a poesía bélica, en galego e castelán, é franquista (Cunqueiro, Filgueira, Castroviejo, Francisca Herrera), pois a guerra durou poucos días no país e este ficou do lado fascista; a poesía antifascista fíxose no cárcere ou na clandestinidade e coñeceuse moito despois (Celso Emilio, Paz Andrade…). Non todos os cantores de Franco o fixeron “voluntariamente”, senón para protexer a vida o redimir persecución (Xulio Sigüenza, por exemplo, Ferreiro).

No voluminoso traballo de García Sánchez está presente o estremeño Miguel Alonso Somera, cenetista. Moi coñecido polos seus romances e que tamén publicou en valenciano. O texto escolmado é “Dice Madrid”, onde a cidade chora polas cidades e rexións dominadas xa polo fascismo en agosto de 1938 e entre elas Galicia:

Lloro, por mis hermanitas;/por Córdoba, la Sultana;/por Málaga, la vendida;/por Sevilla, la gitana/presa por un general,/-al que yo, por elegancia,/no quiero mentar siquiera-;/por Badajoz, masacrada;/por Burgos, que duerme en sueños/de siglos, bajo la maza/gótica catedralicia;/por Cádiz, taza de plata;/por Cáceres, la vetusta;/por Mallorca, por Canarias/-sirenas encantadoras,/claveles puestos en agua-;/por Galicia, fuerte y dulce/-fuerte encina, dulce gaita-,/de las rías azules,/-lazos para sus sandalias-…

Contra Franco cantan José Antonio de Balbontín (1893-1977) (“A Franco general pirata”), José Bergamín (“El traidor Frnaco”), Luis López Menéndez e E. Ortega Arredonde. A prol de Líster fano Antonio Machado e Arturo Serrano. Tampouco faltan na escolma as mulleres leais: Concha Zardoya (1914-2004), Lucía Sánchez Saornil (1895-1970), Clemencia Miró, Inés Montero e Nicolasa Giménez. Está presente o mellor da poesía española do século XX: Antonio Machado, Alberti, Vicente Aleixandre, Altolaguirre, Max Aub, Bergamín, Cernuda, Ernestina de Champourcín, Dieste, Díez-Canedo, Domenchina, Garciasol, Garfias, Gil-Albert, Miguel Hernández, Herrera Peter, José Hierro, León Felipe, Leopoldo de Luis, Moreno Villa, Rafael Morales, Prados…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>