Estradas panorámicas

B25J9073Jose Lires. Describir unha paisaxe, por moi cotiá que se nos presente, non deixa de ter a súa complicación. A razón, ao meu entender, radica na gran compoñente subxectiva inherente ás múltiples definicións do termo manexadas na literatura. Percepcións, emocións, lembranzas… todo un conxunto de estímulos aderezando a realidade física da contorna.

Non me equivocaría demasiado se afirmo que de facer unha enquisa entre os meus coñecidos preguntando por cales serían as súas panorámicas favoritas, as súas estampas inesquecibles da nosa contorna próxima, a maioría describirían unha postal dende un punto estático. Unha localización, un lugar dende o cal o rol de observadores interpretaríase de pé (quizais sentados, abrazados á ridícula moda do «banco máis bonito do mundo», tras respectar doentes a quenda establecida) inmóbiles explorando o horizonte.

Vou ser eu unha excepción, esa que, segundo o atrevido saber popular, confirma toda regra. Dende hai tempo, parte do percorrido diario do traballo á casa permíteme gozar dunhas vistas espectaculares dende o coche. Estou a falar dun tramo da estrada CG-1.5 que une Noia coa autovía Brión-Santiago. O traxecto, en sentido Noia, iniciaríase á altura do viaduto que sobrevoa o val do rego de Pasares, e remataría na saída 27 dirección Noia polo leste. Uns escasos tres quilómetros onde a mirada vai tecendo un mapa no que se cartografía unha paisaxe agradable, de relevo movido e imaxes dinámicas suxeitas á tiranía dos fenómenos meteorolóxicos.
Principio da escena

Así, esa escena en movemento principia logo dunha prolongada recta, tras a cal, a estrada vira suavemente á dereita trazando unha curva encaixada entre paredes de rocha moi fracturada. O plano visual, entorpecido polos muros naturais e o formigón dos pasos elevados, axiña se libera para descubrirse ofrecendo unha ampla panorámica dende o espazo aberto no que semella levitar o viaduto. Mirando cara ao poñente retrátase a ría de Muros e Noia. A retina satúrase coa silueta xibosa de monte Louro, ao fondo, lonxe, estirándose como querendo bicar a marxe oposta do litoral. Separadas hai millóns de anos pola erosión fluvial e a tectónica, só a perspectiva enganosa logra pechar a bocana da ría imaxinando un mar interior de augas tinguidas dun azul intenso nos días de sol estival. No outono e no inverno as cores das augas apáganse, tórnanse grises, e a liña do horizonte dilúese nun lenzo onde mar e ceo resultan imposibles de discernir.

Revelándose contra a monotonía da chaira mariña fica a illa da Creba. Unha penca de terra aboiando no interior da ría, con apéndices de formigón e turrando dunha estela de bateas.

Os montes que rodean o espazo costeiro estrutúranse a modo de chanzos sucesivos a diferente altura. Na marxe sur, os máis elevados conforman a inconfundible superficie chaira do monte Iroite, e por detrás deste, elevándose solitario, asoma o cumio xeométrico do monte Enxa. No sector norte, as serras dos concellos de Outes e Muros imprímenlle un carácter esgrevio ao litoral, con cumios rochosos ciscados de parques eólicos.

O espazo construído, agás as pequenas aldeas próximas ao viaduto, destácase na nosa postal co asentamento do Obre. Unha prolongación da vila de Noia que coloniza sen rubor as abas do monte de San Lois, desafiando as pendentes e consumindo a superficie dedicada ás terras de labor. Edificacións cada vez máis desconectadas tanto física como esteticamente do núcleo primixenio, medran aparentemente sen control, coma os eucaliptos, afeando a paisaxe rural tradicional.

No tramo final, antes de coller o desvío para a vila, o xiro da estrada, entobada entre altas paredes graníticas, enfróntanos de novo ao relevo ondulado da serra do Barbanza, protagonista última desta miña road movie habitual.

4 comentarios en “Estradas panorámicas

  1. Buenos días, Jose:
    Ya lo creo, tal como tú lo describes no sabría hacerlo cualquiera; para componer un paisaje de esa manera como tú lo has delineado, hay que tener alma de poeta.

    Me imagino que habrás estado en el monte de la Curota. Ahí, bajo la atenta mirada pétrea de nuestro don Ramón María del Valle-Inclán, podemos gozar de una de las panorámicas más preciosas de nuestra ría. Seguro que desde allí idearías otro artículo tan bueno como el de hoy.

    Besiños palmeiráns y felicidades.

    1. Prezado José: Unha estrada ben entretida, especialmete contada por ti. O que non sei é se, tendo a obriga de circular por ela cada día, pode resultar un chisco pesada. Por como a describes coido que non.
      A miña curiosidade está en saber, tal como teño escoitado a un noiés, se a illa da Creba mercouna un particular. De ser certo, por canto e a quen? Saúde e unha forte aperta.

      1. Estimado Fidel, por arte dalgún trasno destes informáticos, que habelos hainos, non se chegou a publicar antes a resposta ao teu comentario. Mil perdóns. En principio dicirche que hai tramos desa estrada que producen un certo tedio, sobre todo cando toca un día atravesado. Pero precisamente ese pequeno traxecto resulta balsámico polas posibilidades de observación que se ofrecen: rochas, paisaxes cambiantes, meteoroloxía…ademais de visualizar xa o remate da xornada laboral, que non é pouco!!. Respecto á túa curiosidade confirmarche que a illa está en mans privadas. Pertence a un coñecido promotor inmobiliario compostelán que tamén ten negocios hoteleiros nas Canarias. Do que non estou ao tanto é de se foi mercada ou herdada, nin do valor desas transaccións financeiras.
        Un saúdo e apertas fortes.

    2. Prezada Magdalena,

      Moi agradecido polas túas sempre agarimosas palabras. Levas toda a razón. As vistas dende a Curota son imprescindibles para tomarlle o pulso á fermosura do noso litoral. Teño subido moitas veces con amigos de fóra que ficaban abraiados coa paisaxe. Nun artigo anterior, dedicado aos terremotos, acompañei o texto dunha imaxe do leito do río Barbanza dende o cumio da Curota, pois se as panorámicas cara ao mar causan abraio, aos ollos dun xeólogo as fendas por onde discorren os ríos e as rochas espidas tapizando as abas resultan máis que atractivas. Tomo nota da túa suxestión. Graciñas de novo. Apertas e biquinhos.

Deixa una resposta a Jose Lires Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>