Modus operandi

money-card-business-credit-card-50987Agustín Agra. Cartos. O mundo móveno os cartos. A rotación e a translación da Terra, os movementos todos dos astros do universo, pódense explicar botando man da lei da gravidade de Newton e –para quen posúa coñecementos máis avanzados de física– da relatividade xeral de Einstein. Porén, quen move o noso mundo é a economía.

            Mais a economía hai que empurrala. Se a mercadoría permanece parada deprecia o seu valor: ten que entrar e saír, vir e volver marchar. Bulir, sempre bulir. Mais hai mercadorías especiais, xaora que si, que se menean a horas desacostumadas, intempestivas, inhabituais.

            Domingo. Doce da noite. Hora de reparto. Un vehículo aparca a rentes da porta do negocio. Pasados uns minutos, o local permanece pechado. As luces exteriores apagadas. No interior o propietario pon unhas copas, bota unhas risas cos visitantes, prende o equipo de música: o volume que a el lle reina.

            A mercadoría entra no local. Pasa dunhas mans a outras. Bule, cumprindo co principio básico, case sacro, da economía: o do movemento. Mais mercadorías hainas boas e hainas malas. Hainas legais e tamén das outras. Hainas furtivas e hainas con licenza; mesmo as hai –como o axente das películas– con licenza para matar. Eu descoñezo a natureza da que se move. Descoñezo os termos e os ritmos da transacción. Palabra que os ignoro. Os decibelios non só afogan o son dos cubiños de xeo ao chocaren contra os vasos dos cubatas. A miña imaxinación é libre, mais non podo afirmar outra cosa: o que ocorre é terra incognita. Porén, como besbellou Galileo ante o tribunal que o xulgaba, si sei que si muove.

            Cartos. O mundo móveno os cartos. Mais non todos os cartos son iguais. A súa procedencia, a forma de gañalos, si importa. Sei que hai cartos lixados, cartos sórdidos, obscenos, mancados. Tamén sei ben onde non gastar os meus: eses lugares onde non desbaldo nin o euro dun café.

            Aturar haberá que aturar. Aturar a quen carece de escrúpulos, os culpables por acción e os culpables por omisión –eses que saben e, no mellor dos casos, miran cara a un lado–. Aturar aturaremos. Mais calar… acaso tamén habemos ter que calar?

Un comentario en “Modus operandi

  1. Es verdad, Agustín. Don dinero es el que manda, y por desgracia los que tienen poder, porque tienen guita, carecen de cerebro, solo aguantan un excesivo gasto de imaginación para llevar a cabo su punible hazaña de aligerar carteras al tiempo que le quitan salud a la juventud, porque lo que ellos tocan, se transmuta en hiel a cambio de conseguir pingües inversiones.

    Encantada de leerte, Agustín. Saludos desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *