Días despois…

Deseño-PL-bo-2Xosé Manuel Lobato. “E o coitelo afundido na lingua/os bufóns celebrando o etnocidio.” (Paco Souto). Primaveral alborexar sobre o Xurés, un rechouchío inquedo, mesmo convulsivo e obsesionado, coroa de acordes un afinado soar, conquistando dende a profunda vexeta toda a contorna. No ar sobrevoan brancas linguas necesitadas de agarimo e comprensión, mesmo innecesario nun pobo cun alto estadio de coherencia e dignidade

, semella que procuran parella ou descendentes de excelsa sensibilidade para transmitir ese legado falado dende varios séculos atrás.

Linguas de pureza sen par, posuidoras de fermosas palabras. Verbas de oralidade que necesitan desa sonoridade para voar e se liberar dun proceso de absoluto esquecemento, na actualidade en decadencia e desposuídas do valor máis importante e imprescindible.

Vocalizar na fala nai, sonoridade destas brancas linguas que nunha entropía sen parangón seguen a danza do ar na saudade da temible soidade.

Días despois…, a celebración deixa profunda resaca, a lingua de Galicia ten o seu día grande, mais os outros días queda esquecida por unha alta porcentaxe da poboación.

Branca pureza no sobrevoar dunhas linguas sen falantes, aquí os cádavos e os pantasmas son maioría neste edén, dende hai tempo está exterminado un dos oficios máis gratificantes. Soñar nesa ara do ilusionar.

Fantasiar cos nubeiros que choran en diversidade de rexistros únicos; chuviscar, babuxar, orballar, melear, treboada, poalla, barbuñar, poeira, zarzalla, froalla…

Ilusión de permanecer nun contraste de luminosidade abraiante para calquera ollada que se decate e aprecie tanta variedade; estralampo, loaira, raeira, raiola, ardora, lucerna, vagalume, luarada, pirilampo, charamela…

Celebrar e honrar a nosa lingua está moi ben, mais a celebración debe ser cada minuto e cada segundo de existencia, fundamentalmente por esa efémera estancia vital do ser humano sobre a codia terrestre.

Coñecela e usala é amala, estamos na obriga de empregala para honrar a todos aqueles antepasados que a conservaron e, nos somos un elos necesario nesa cadea de transmisión a futuras xeracións.

Non teñen acougo esas brancas linguas enmudecidas do Xurés. Portadoras da maior alfaia de Galicia e de todos aqueles e aquelas que se consideran galegos.

O noso pobo debe liberar tanta xoia encarcerada, mutilada no esquecemento e desprezo desa bóveda hipócrita que traba sen remorso.

Un comentario en “Días despois…

  1. A presenza real está na palabra. En esas verbas tan fermosas xa está presente, non solo a lingua de Galicia, está toda ela.
    Biquiños palmeiráns, querido Lobato, ata pronto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>