Black Chandler contra Banville

rubia-ojos-negrosAntón Riveiro Coello. John Banville (Wexford, Irlanda, 1945), como tantos outros escritores, tamén mirou de se desdobrar en dous e procurou no seudónimo de Benjamin Black unha nova identidade para ofrecer, en teoría, unha literatura de menor calidade enfocada ao xénero negro. Así, o primeiro, candidato firme ao premio Nóbel, asina libros de maior alento literario como O Mar, Os infinitos, Eclipse, Imposturas ou Antiga luz, e o segundo confórmase coas obras policiais protagonizadas polo forense Quirke: O segredo de Christine, O outro nome de Laura, Na procura de April, Morte no verán e Vinganza, ou a última novela A loura de ollos negros, protagonizada polo mítico detective Philip Marlowe, que volve medio século despois polo convite expreso que os herdeiros de Raymond Chandler lle fixeron a John Banville, mellor dito, a Benjamin Black, que é o autor da novela.

A verdade é que este proceso de resurrección era complicado, pero a ficción adoita dar de si e o autor irlandés puido co reto e mesmo mellorou o orixinal do que partía. Benjamin Black, á pesar de John Banville, escribe mellor que Chandler, non me cabe a menor dúbida, e conseguiu con esta novela, que se desenvolve no sur de California nos anos cincuenta, atrapar o mellor de Chandler para regalarlle ao xénero negro unha magnífica obra ateigada de diálogos intelixentes, prosas deliciosas e un ritmo moito máis vivo que o das novelas do doutor Quirke, onde as recreacións estilísticas demoran a trama e provocan a desesperación dalgúns dos amantes dun xénero no que a acción é tema máis que crucial.

Benjamin Black. Foto Alberto Cuéllar
Benjamin Black. Foto Alberto Cuéllar

Con esta novela, Benjamin Black debuxa na nosa imaxinación paisaxes en branco e negro que parecen trazadas polas sinuosas volutas dun cigarro; confunde a súa prosa coa de Chandler, e se este afonda no misterio de Marlowe a través dos diálogos e a acción, aquel procura desvelar ese misterio. E si, hai algo de clixé, algo enxertado, artificial, unha sensación de pracer vello, de saudade, de que estamos a ler xusto o que xa lemos e vimos en tantas novelas e películas maxistrais dos anos corenta ou cincuenta, como O soño eterno, pero esa era a proposta e o reto, para moitos imposible, de exhumar un dos autores que máis prestixio literario lle deron ao xénero negro. E, certamente, Benjamin Black foi quen de o facer cunha estética notable que, ao meu ver, está á altura do mesmo John Banville.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *