A sombra da cinza, de Fidel Vidal

978841205790Javier Peteiro. “Nada máis puro, e sen opor ningún pero, o aire que respira o universo en cada ser, a vibración e o ritmo en cada único verso (Fidel Vidal)”. A alma resoa, como dicía F. Cheng, e parece facelo co universo, no verso. No novo libro de Fidel Vidal estamos ante unha “forma de gozo”, como el mesmo sinala. A poesía de Xulio L. Valcárcel é tomada por Fidel como fío condutor da súa reflexión, como unha senda desde a que dirixir a súa mirada, en liberdade, que, por selo, ten que ser ampla, facéndose incluso libertinaxe cando de se trata de reflexión, como el mesmo di ao principio. 

E ocorre que esa mirada ao cotián e ao universal vainos levando polos recunchos da alma humana, que implican o corpo, o nome, o cariño, a casa, esa casa que, se é auténtica, “debe comezarse polo tellado, coma os castelos deberían construírse no ar. Así son as casas últimas, as casas íntimas”. Enfrontámonos ao familiar en xeral, que abarca o amor e a morte, que nos nomea e nos permite vivir.

No texto, todo iso móveo e nos conmove se somos receptivos, se nos deixamos levar na calma precisa e preciosa, asumindo que un libro así non se pode resumir sen matalo; non é comunicable doutro modo que léndoo ou escoitándoo e aínda así é difícil  (“Ler non nos obriga a comprender”). Require esa “lectura despaciosa” á que se refería García Gual nalgunha entrevista.

Este novo libro de Fidel, baseado na lectura poética, sostido por ela, é tamén poético na súa construción, e nel a palabra complétase coa pintura, na que Fidel amosou ser un adiantado. Intercálanse co texto ilustracións que se mostran sinxelas, pero esa sinxeleza só é aparente pois as distintas imaxes que se aportan no libro, non só non son fáciles de obter, requirindo unha técnica moi depurada, senón que enriquecen o que di e se complementan dun modo peculiar entre si. Falar da alma, tratar de contemplar o seu misterio supón saber do límite (“Son os versos que navegan nos límites… os que nos convidan á reflexión”). Unha bicicleta parte e retorna dúas veces ao longo do texto. Outras imaxes complétano.

E reflexionar supón botar man do que se ten. Por parte do autor, percíbense apoios na experiencia clínica e no saber de outros. Fidel conta cunha longa traxectoria como psiquiatra, na que tivo ocasión de se enfrontar ao enigma, de axudar nas peores circunstancias, de proceder coa compaixón necesaria, esa que se refire a compartir o pathos de ser humano. E a literatura axudouno, sen dúbida. Vai para vinte anos publicou unha xoia, “Anatomía da emoción poética”; entre ela e esta, outras obras de narrativa e ensaio amosan a súa incursión feliz nas letras. E nelas atopou as súas guías. Moitos autores referentes son nomeados aquí, ademais de quen lle sirve de sendeiro, Xulio L. Valcárcel. Trátase de Pessoa, Zambrano, Todorov, Handke, Borges, Nietzsche, Lacan, Basho…

É así que se pode falar do que é indicible, acercarse ao que resulta máis distante precisamente por ser o máis propio, o máis íntimo ao ser humano, mirando o “Da” do “Dasein”.

A cinza recórdanos que somos po estelar e esa cinza, que revelou a Cincenta (os contos infantís sempre encerran grandes verdades), mantén o poder luminoso do que a fixo posible. Por iso pode alumear e incluso facer sombras. O título é así plenamente acertado. No fondo, non necesitamos un sol enteiro para termos luz; abonda cun leve rescaldo de fogo amable, do que de el deriva, fogar.

Cada libro parece requirir unha lingua propia. Éste está escrito en galego, lingua acolledora que remite ao materno, lingua que moitos entendemos, pero moi poucos dominan; cousas da monolítica represión de tempos pasados e da pereza propia. Pero vale a pena, incluso se nunca se tivo contacto co galego, tratar de facer o esforzo por ler este libro tal e como está escrito. Dise habitualmente que traducir é traizoar; o galego non é unha excepción a esa lei xeral do que supón ler.

4 comentarios en “A sombra da cinza, de Fidel Vidal

  1. Buenas tardes, Javier:
    Me alegro de verte nuevamente por la “Cafetería” y mucho más acercándonos a la última obra de Fidel.
    Hace unos días que la tengo en casa, aún no la he leído puesto que quiero finalizar la que tengo entre manos. Estoy segura de que poseerá las cualidades que solo se alcanza con el arduo trabajo de un buen escritor como él.
    Saludos palmeiráns.

    1. Moitas grazas, meu caro amigo Javier, polas túas palabras, sempre xenerosas. Vai para vinte anos, si, da edición de “Anatomía da emoción poética”, un recordo que me achega á evidencia de como imos envellecendo. Mais, visto o visto, cumprindo anos -a alternativa non paga a pena- moi ben acompañado, da man de estupenda e boa xente, incluídos os poetas.
      No que estás completamente confundido -e perdoa este “pero”- é con respecto das bicicletas, xa que logo a que parte é a segunda e o retorno correspóndelle á primeira.
      Unha forte aperta. Obrigado

      1. 470/10000
        Moitas grazas a ti, querido Fidel.
        Envelleces e eu tamén. A alternativa, desde logo, non vale a pena. Menos aínda se se está, como ti, en plena creatividade.
        Agradezo a túa aclaración sobre as bicicletas. Bo, serve para ilustrar aos asistentes a este café de que o libro merece unha lectura sosegada para non incorrer en torpezas así. E serve para lembrar tamén que non só hai palabras nel senón fermosas imaxes que as complementan.
        Un forte abrazo
        Javier

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *