Apego de terra

48298819827_ce2eb3e909_cXosé Manuel Lobato. Afasta Negrumante deste nártice outonal as sete damas da festa. Así che reclaman con afouteza, aparta o teu degoxo desta festeira vila.

Fermosos solpores de esgotamento estival decoran as augas da ría anfitrioa de Ulla e Té, esplendorosos coloridos sobre ese mar de Rianxo que beixa con delicadeza unha contorna  enfeitizada para calquera cálida mirada.

A sensibilidade do ser humano consegue que as persoas nunha grande maioría se identifiquen e mergullen nesa terra onde moran de hábito.

O medio natural, próximo e profundamente coñecido, mesmo logra estimular os sentidos ata cotas imprevisibles, logrando unha aureola de ilusións que aproximan a esa felicidade esquiva, escasamente comprensiva co ser humano.

 

Melodioso retrousiño,

que do ar acada o camiño

nun profundo sentimento.

Que nutre coma alimento.

Retrousiño brincador, amparado nun alumbrigar de imaxinativos soños, pode xogar a ser o rechouchío deses melodiosos bípedes alados.

Ecoar a ecoar no brinquedo zoar do vento, conquistado o xélido alborexar de sólidas alfaias, acaparando co seu branco esplendor un solleiro amencer.

Empatía de flora e fauna nunha coral de entropía sen par, fenómeno único para observar sen cuestionar tanta magnificencia efervescente de vida.

Atípica forma de auscultar o medio, fuxidíos réptiles nun repenique axitado e desordenado nunha inquietude de dinamismo exuberante.

Efluvios dunha unión contaxiosa coa terra onde se mora, nun estadio superior para tentar transmitir ese amor ás novas xeracións e non tan novas. Na lembranza… o silencio profundo da montaña que se traslada nunha ondada a esa calma da ría de Arousa. Nese deambular contraste encontro a ese admirado amigo e tamén exemplar escolante, nun esforzo por PARABENIZAR a súa esencia.

Comeza, Xesús Costa Rodil, a súa colaboración na revista da Guadalupe 2018 coas seguintes palabras…

“Na terra que moramos acotío, sempre achamos recunchos, cantares, paisaxes,… Velaquí como os meus ollos se regalan en Tanxil e nas Cunchas”.

Impresionante galano para dúas aras areosas de Rianxo, versos engarzados nun vaivén rítmico entre o abalo e devalo dunhas ondas que Xesús coñecía de moi preto. Dúas xoias para poetizar e apreixar tanto vínculo e devoción por ese Preamar en Tanxil e Á praia das Cunchas.

Estímulos de Rianxo; praias, ría, ribeira,… Mais sempre a monotonía na campá da igrexa de santa Columba, un diapasón de diálogo constante cos seus veciños e veciñas, para lembrarlle que o paso definitivo está moi preto. No seu tristeiro soar está inmersa a mensaxe do Alén. Alén e Aquén nun requiem que non logra disimular a tristura de tantas amizades que por derradeira vez despide a cantareira campá.

Silencio profundo, calma sosegada, a ría de Arousa segue beixando estas terras de Rianxo. Por iso, malia a dor por tantos, a festa sempre é festa e debe ser ese estímulo para ilusionar e animar un  pobo necesitado de alegría e diversión.

O vigor dunha celebración está na poboación que goza dela, tamén no raizame profundo que ampara e protexe a unha celebración…

A Guadalupe é esa estrela permanente que permanece no maxín dos rianxeiros, aquí, en agarimoso porto atraca durante un setestrelo de acompasados ritmos e afinadas melodías. Realmente, para os foráneos acollidos, estamos ante un paradigma impar, auténtica vencedora do tempo e da tristura, na vida dos nativos sempre como a grande referencia.

Unha celebración que supera calquera adversidade, esa é a Guadalupe, a honra de sentir a ilusión do pobo rianxeiro, xentes que moran na face agarimosa da ría de Arousa. Un mar interior que se une e fai romaxe á vila, participa do festexo dende un luar que atrae ese reverberar dunha afinada escala na onda animada.

Acordes soan no ar da punta Fincheira,

melodía dunha serea que engaiola,

domina e mergulla vontades…

Malia tantos xiros e reveses inesperados, a esmorga é o antídoto de todas as adversidades. Vivir a festa é achegar unha lucerna de vida a todos os que nos deixaron. Vai polo amigo Xesús Costa, tamén por todas e todos aqueles que se despediron na derradeira inspiración.

A Guadalupe, grande acontecemento, segue impregnada na vida do inmenso colectivo que ano a ano celebra a permanencia de efémera temporalidade con fresca ilusión, afastando a pantasma murcha da decadencia.

Un comentario en “Apego de terra

  1. E os que non moramos ahí de hábito, gozaremos tamén desa contorna enfeitizada ata chegar a esas cotas impredecibles de diversión e gozo das festas que sempre nos ofrece Rianxo.

    Boas festas, e biquiños palmeiráns para ti, querido Lobato, e para os rianxeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *