Parolas de esqueletos

cuerpo-objeto-fondo-carcasa-madera_1323-5Carme Toba. As herbas do camposanto andaban revoltas pola xeada e as ovellas que paceran polo serán. A miúdo, eses corpos quentes cheos de la eran a compaña diúrna de tantas caixas de ósos depositadas baixo os terróns sacros. A noitiña comezaba asomando a orella e o murmurio de cuadrillas de esqueletos imperceptibles polos mortais facían eco nos recantos daquel humilde camposanto.

Era a quenda de Hermosinda da Richa e Xosefina da Quenlla, dous esqueletos con nome e apelidos na lápida, pero coñecidas na outra vida e na morte así.

—Ti que dis, Xosefina? Saímos hoxe coa comitiva?

—Moito movemento ten este camposanto! Coido que teño ata a eternidade para soltar a miña alma pola corredoiras.

—Muller! Non é obriga. Pero xa sabes como eran estes veciños nosos en vida, borrachos e lurpias. E coa morte non ían cambiar.

—Acouga, Hermosinda! Xa me chegou coa mala sona que tiven en vida e non quero ter a mesma de morta.

—Vaites, muller! Os vivos quedaron alá e no mundo dos mortos non nos importa iso. O único que nos queda é botar a sorrir cando en forma de espírito deixámonos ver diante dalgún mortal desorientado polos camiños. Pero conta. Tan mala sona tiveches?

—Pois mira. Fun coñecida como Xosefina da Quenlla, unha muller respectable. Vaia, respectable de portas cara a dentro, delas para fóra tiña sona de fantasmeira e vedoira.

—Que me dis? De vedoira? Conta, conta.

—Si. O peor veciño era Aquilino. Poñíalle pegas á muller por falar comigo. Mágoa que Candeloria morreu antes ca min, deixando sós a Aquilino e a unha neniña pequecha. Repousa no camposanto da Portela. A pesar do desacordo do home, nunca puxo reparos a miña condición.

Pero unha noite, despois dela finar, aparecéuseme no cuarto. Aquela friaxe envolta en néboa tornouse nunha figura espectral esbrancuxada con forma de muller que se pousou os pés da miña cama.

O meu corpo, entre friaxe e medo, esvarou polas sabas sen forzas para berrar. A miña cara tornouse nun poemario ao ver nitidamente o rostro de Candeloria que me transmitía con voz suplicante: «Xosefa, vaite á miña casa. Teño a nena chea de piollos. Vai e cátallos».

Belisquei a miña pel, pois non cría naquela visión diante de min. Cun fío maino de alento, díxenlle: «Candeloria, isto é certo? Se é así, déixame un sinal. Un sinal que me confirme que es ti».

Pero Candeloria envolta nun resplandor esfumouse sen responder palabra.

Durmín esa noite ateigada entre as mantas. Recordei á mañá e sentei na beira da cama. Notaba comigo unha angustia acubillada no peito. Arrastrei os pés ata a ventá e alí estaban, unhas tesoiras abertas cravadas na contra de madeira escangallada. Vénme á cabeza o acontecido a noite anterior. Aquelas tesoiras cravadas eran o sinal.

Botei camiño arriba, esquivando remuíños de vento e follas. Mesmo afundín os pés nas fochancas desbordantes de auga xeada. E entrei sen petar na casa de Aquilino.

A  sorpresa do home tornouse nun sorriso cando lle comuniquei tal mensaxe do outro mundo. Nese intre xa non era vedoira, senón, vedoira e tola.

Pero alí estaba Ermindiña, coa súa cabeleira acibeche trenzada. As miñas mans osudas pousaron riba da cabeleira da rapaza e por entre os carreiros dos pelos trenzados, os piollos saltaban. Mirei a Aquilino e díxenlle: «Ves? Tela colmada».

A percepción de Aquilino sobre min mudou no intre e así foi como os murmurios perennes no tempo fóronse volvendo caducos canda os días que avanzaban.

—Vaia! Xa está ben de tanta parola. Segues sen querer saír?

—Pois mira, imos estirar os ósos e ceibar o noso espírito no limbo da noite.

Os dous esqueletos saíron moi recatados e perdéndose entre as mestas tebras. A carón do camposanto da Portela, outro esqueleto de finas roupas brancas que ondeaban envolvendo o fuste dun cruceiro, dirixiuse a Xosefina da Quenlla e díxolle: «Quen sementou agarimo, recolle gratitude». «Grazas».

E Candeloria sumouse aos dous esqueletos que cunha estraña enerxía luminescente integráronse na comparsa espectral que as agardaba no cruce de camiños. Aquilino era o que portaba o cirio desa vez. Elas calaron, pois imperaba a lei. A lei dos mortos.

2 comentarios en “Parolas de esqueletos

  1. Carmen: Bonita historia de muertos y vivos. Muy original la postura de una de ellas. Perdoa, pero coa fina que son, non sei cal deles é Hermosinda ou Josefina.-Na foto son moi similares.
    Como siempre, me agrada leerte.
    Un saludo desde mi Palmeira.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *