A memoria perdida

BS21P1F1_202115Francisco Ant. Vidal Blanco. Cóntame un irlandés con quen coincidín estes días que, por aquilo de saír a tomar unha copa chamou a un amigo de infancia a quen había tempo que non vía, pero o home desculpouse, tiña a súa nai moi maior e debía quedar a coidala. A muller perdera a memoria e estaba todo o día falando soa, con palabras inintelixibles. “Cousas da idade”, dicía o amigo. E daquela acordaron verse na casa deste para ir rememorando as vivencias pasadas. O visitante pasou ó salón, foi agasallado cunha Guinness, como non podía ser menos, e comezaron a súa charla cargada de lembranzas baixo a despreocupada presencia da señora nai, quen, nun momento determinado, para non se facer a menos e non perder baza na conversa, comezou a falar como se algo de súpeto lle acudise á mente e necesitase contalo. Polo que parecía, segundo os xestos e a maneira de dirixirse a eles, tratábase das súas propias lembranzas, pero non se lle entendían as palabras por moita atención que lle prestaban, ata que dixo algo que ó invitado lle sonaba. Daquela puxo un pouco máis de atención e decatouse de que a señora falaba en gaélico, e díxollo ó seu amigo, quen, estrañado, aseguroulle que iso non podía ser porque súa nai, o único que falara durante toda a vida fora o inglés.

Tras moito debater e investigar entre familiares, veciños e amigos, descubriron que cando tiña quince anos foi servir a unha casa rica de Dublín, e como daquela o irlandés era a lingua da xente pobre e inculta, deixou de falalo para usar o idioma da xente ben, e desde entón non usou outra lingua, incluso para educar ós seus fillos. E agora, cando a mente amosa os desequilibrios da idade, cando as neuronas por algunha razón que non coñecemos borran o presente e recuperan o pasado, ela recuperou o idioma en que se criou.
Podemos aplicarnos o conto?
gaélico1A decadencia do gaélico irlandés comezou no século XVII, cando os exércitos ingleses invadiron Irlanda. Daquela, os nativos aínda pensaban que aquilo que falaban os soldados era unha xerga, e chamáronlle iso pero en irlandés, “Béarla”, e “Béarla” é o nome que segue tendo o inglés en Irlanda. Sen embargo a tal xerga invasora acabou impoñéndose e hoxe en día, o idioma autóctono con todo o apoio institucional e unha sensibilidade crecente só é empregado por unha minoría. E podemos seguir aplicándonos o conto.
O resumo é que baixo os Tudor, o gaélico pasou a ser a fala dos aldeáns, ó entender que quen quería medrar tiña que usar a lingua dos novos xefes. Só tivo un pequeno repunte cando os comerciantes ingleses sentiron a necesidade de coñecelo para facer negocio nos pobos. A pesar diso, chegou a ser tan menosprezado que a principios do século XX dicíase que non quedaban falantes de gaélico, tal vez porque os paisanos, cando lles preguntaban, avergoñábanse de recoñecelo. Tanto así que ata os máis grandes escritores que deu esa terra, Wilde, Joyce ou Beckett, por exemplo, tivérono a menos; aínda que Joyce, no Ulises (1922), fai unha pequena reivindicación a través das palabras dunha vella leiteira: “a min dáme vergoña non falar eu mesma esa lingua. Dixéronme, persoas que o saben, que é unha lingua de moita grandeza”.
E nós? Estou seguro que á leiteira de Joyce dáballe vergoña recoñecer que falaba gaélico e aínda defendéndoo non quería quedar por pailana, e como moito so o falaba na intimidade.

 

2 comentarios en “A memoria perdida

  1. Querido Francisco:
    Moi interesante o teu artigo e unha proba evidente do que está a pasar co galego. Por sorte, os que participades deste Café facedes o imposible porque a nosa lingua rexurda con máis brío; anque a mín, acostumada ó galego que falamos no pobo, me coste escribila.
    Un abrazo.

  2. Conocía una historia similar, pero era todavía más increíble, porque la señora desmemoriada que era francesa, nunca había ido a Rusia y se pasaba el día recitando monólogos en ese idioma. Tal fue la curiosidad de la familia que trataron de investigar a que se debía tal fenómeno, y descubrieron que su abuela había tenido un ama de cría hasta la edad de dos años, que era de esa nacionalidad.
    A veces las manifestaciones de nuestra psique se escapan de la lógica, querido Francisco, y los endebles puentes de la memoria, no son tan endebles como nosotros creemos.

    “Podemos aplicarnos o conto ?”
    Nosotros, los que no escribimos en gallego porque hemos aprendido a hacerlo en castellano, hablamos en gallego, es nuestra lengua cotidiana, y los que hablan generalmente casi siempre en castellano, saben escribirlo porque han sido bilingües en la escuela.
    ¿ Es surrealista y se escapa al control de la lógica ? no, es lo que hemos mamado.

    Biquiños palmeiráns, querido vecino.

Deixa una resposta a carmen gonzález Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *