Na agarda doutros cidadáns bos e xenerosos

Fraguas-biografiaPilar Sampedro. Case damos por rematado o ano Fraguas despois do 17 de maio ou cando se escolle o próximo homenaxeado, pero o ano só acaba o 31 de decembro e cómpre seguir falando do emperador da humildade. Denomínoo así, porque cando se convida a Manuel Vilar (case na véspera de ser nomeado director do Museo do Pobo Galego) a dar unha conferencia sobre quen fora presidente desta entidade, o primeiro título que lle pasa pola cabeza é “Antonio Fraguas, o traballo calado dunha abelliña”. Así era el, dos que case non se ve, dos que se abaixan para non reclamar atención, pero realiza un labor inmenso. Neste sentido, non debemos esquecer que en varias institucións foi bibliotecario.

Ao rapaz víñalle da casa a bondade; mamá Antonia fora unha muller que a nai acollera para que lle axudase no traballo diario e na crianza do pequeno, e así deixou de dar tombos pola desgraza. O compromiso naceulle de ser o rapaz da aldea en Pontevedra, e alí creou a Sociedade da Lingua e logo pasa a formar parte da Irmandade da Fala, do Seminario de Estudos Galegos… Cando o golpe militar e a guerra, foi represaliado e sufriu en propia carne aquilo que ningún mestre quixera saber, que aqueles polos que máis te preocupas poden ser tan crueis como para humillarte e ensinarche os ollos da morte; foi n´A Estrada e, a partir de aí, xa quedou con esa pegada, ata o punto de que con máis de noventa anos confesaba que non temía a morte porque xa pasara todo o medo aquela noite do 36. Si, 36 foi a pintada que colocaron os falanxistas no lintel da súa casa de Cotobade e alí segue. Quen dixo que había que esquecer? Foron eles quen a puxeron, indeleble. E aínda así, seguía a ser un mestre cheo de xenerosidade nos anos seguintes.

Conto que cando me fun a examinar de ingreso, levaba na memoria todos os ríos españois cos seus afluentes pola dereita e a esquerda, os picos dos Pirineos e do sistema Bético… e alí no tribunal un home preguntoume: como se chama o río da túa aldea? Estaba claro que era da aldea e que no país dos mil ríos todas as aldeas teñen río… Eu fixen que me repetise a pregunta por se entendera mal, e repetiuma. A miña cabeza daba voltas porque o meu río chamábase Maior pero daquela debía haber tamén un menor… díxeno e agardei o ditame. Quedou conforme e seguiu a preguntar por esa primeira célula.

Dobrado sobre si mesmo, case coa cabeza no peito, don Antonio, como sempre o chamabamos, era a testemuña dunha xeración de homes bos que sempre miraron polo país e nunca por si.

O historiador (cronista xeral de Galicia), etnógrafo, antropólogo (uns especialistas que entre nós non acostuman destacar) e xeógrafo (Díaz Fierros defende a súa Xeografía de Galicia por riba de moitas outras) deixou dito: “Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non. Pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio”. E non podía ser máis sincero.

 

Un comentario en “Na agarda doutros cidadáns bos e xenerosos

  1. Boas tardes Pilar:

    Acabo de llegar de Santiago y ya venía con el “mono” del ordenador. Sabía que habías escrito tú porque ya te había ido leyendo en el móvil mientras viajábamos.
    Solamente ponerte unas líneas para decirte que me ha encantado el adjetivo certero con el que calificas a don Antonio Fraguas, “emperador da humildade”. No cabe otro mejor.
    Es de agradecidos recordar a los hombres buenos para refrescar memorias debiluchas, y sin duda que don Antonio merecía esa consideración.

    Al entrar en casa pensé que tenía dos objetivos a cumplir en lo que queda de día: uno era escribirte y el otro salir a dar mi cotidiano paseo. Estoy cumpliendo el primero, y ahora antes de que llueva ( el cariz que está tomando el cielo es confuso ) quiero salir a cumplir el segundo; hoy la comida que he ingerido en la capital de la comunidad autónoma de Galicia, estaba bárbara, y me he portado como una émula de Pantagruel. No cabe otra que salir a sacudirla.

    Besiños palmeiráns, Pilar.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *