Retrato de Ánxela Franco

BS27P1F1_224911Pastor Rodríguez. Dous nomes imprescindibles na vida social e cultural do Barbanza e máis alá da nosa bisbarra: a pintora de Corrubedo, Maralla Paz Franco, e a política sonense Ánxela Franco Pouso, dúas liñas de forza, dous remuíños de iniciativas. A pintora máis matérica e máis expresionista fronte á política nacionalista máis inqueda, con máis forza, sempre a carón dos débiles. Forza sumada e mais enerxía e, non obstante, o retrato de Maralla logra transmitir enerxía e, ao mesmo tempo, serenidade. Quizais porque é xa unha homenaxe póstuma, Ánxela acada unha expresión luminosa, de labor cumprido, de traballo feito. Expresividade, equilibrio das cores, alegoría da entrega á causa da Galiza, ben evidente, para amosar o retrato definitivo da personaxe: beleza das flores, seguridade na expresión da retratada, forza do símbolo.

Na obra rebáixase a textura, procúrase o ritmo compositivo, dótase de expresividade a retratada. Aquí está Ánxela xa máis alá do tempo, pero sempre na Galiza, serena pero decidida.

Como nos retratos romanos, non está só a imaxe, non só a alma da retratada, senón tamén a súa decisión, a súa permanencia. Un realismo expresivo e simbólico, nun locus amoenus, pero coa bandeira ergueita. Na eternidade e no presente. A pintora do mar representou firme a Ánxela Franco en terra. Sempre entre nós.

Firme coa materia

Dende 1981, a arte de Maralla traballa firme coa materia, e é posible que as súas orixes no esmalte e na cerámica lle achegasen esta seguridade no manexo da materia, pero o tempo foille dando unha pátina de serenidade, de equilibrio, de maior contención formal. Dedicada ao paisaxismo, co mar como referencia principal, mais tamén á arte abstracta, o seu apetito artístico lévaa a cultivar e dominar diferentes estilos pictóricos, da tradición á modernidade, sempre na procura da comuñón non só co espectador, senón tamén co representado, e esa fusión queda ben evidenciada neste retrato, onde se procura amosar a figura, pero tamén homenaxeala, ir máis lonxe do evidente, ler a figura pública de Ánxela Franco, fixala na memoria non somente de xeito veraz e expresivo senón de xeito que o espectador entenda o seu significado, partícipe desa unión entre o persoal e o colectivo, entre o eu e o nós. Equilibrio tamén na forma, no uso da cor e da luz, solaz e enerxía.

Aos que coñecemos, quixemos e respectamos a Ánxela, non deixa de nos impresionar, de abraiar, a determinación e a serenidade da súa ollada, a paz que transmite o retrato, pero sen traizón ao carácter dunha muller que foi paixón e forza, compañeirismo e debate, amor pola xustiza e por Galiza.

E aí están, xa para sempre, a psicoloxía da mirada, o amor ao país, a seguridade de estar facendo o que consideraba verdadeiro e xusto.

É o que teñen os artistas como Maralla, que dan a medida real do representado sen traizón e renuncia á propia expresión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *