Xerardo Crusat: Papel e coitelada

BO25C5F1_191025Antonio Piñeiro. Este verán, a sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas acolleu a mostra conxunta de catro dos artistas máis destacados da bisbarra: Maralla, Xerardo Crusat, Antonio Pérez e Xoán Fernández. A altísima expectación quedou de manifesto nunha sala abarrotada coma poucas veces no ámbito das nosas exposicións. Algo lóxico, comprobamos ao acceder, a teor do que os catro decidiran amosarnos. Delicadeza, elegancia, intelixencia, retrospectiva, innovación, personalidade, beleza mesturada de catro mans inquedas e engaiolantes, da que quixera destacar hoxe a interesantísima colección achegada por Xerardo Crusat.

Sempre na rompente, na procura do transcendental, Crusat elixe adoito os materiais do soporte para nos dar ese biscato ou esa totalidade plástica que todo obxecto ten. Diso vai a súa proposta aquí; polo menos en boa parte.

O seu esencialismo lineal, presente case coma motivo único, devólvenos aos conceptos do trazo e do signo coma principios fundamentais, aqueles que recollen, nos seus primeiros pasos, a idea artística. Recordos da limpa ollada do comezo, da pureza do trazo, mesmo do tempo arqueolóxico da experiencia plástica (clarísimas referencias aos petróglifos e ás venus), foron concitados desta volta no debuxo, engadindo calidades perforadas, rachadelas, cortes e puncións.

O papel ten o silencio das paisaxes extensas. O papel é a materia porosa do pensamento do artista; dese escritor que é tamén un pouco o pintor. Xerardo Crusat xoga co soporte coma cun material plástico máis. Lucio Fontana deu aquel paso fóra do ilusionismo figurativo para buscar vieiros no espazo infinito. Ángela de la Cruz moldea o propio soporte, tocando os lindes da escultura. Alberto Burri manipulaba grosas arpilleiras deformándoas, rachándoas, coséndoas. Despois viñeron as combustións de pastas vítreas e plásticos. Chillida tiña os seus elegantísimos recortes. Xerardo Crusat anda á procura da materia alén do papel, do significado alén do silencio, ao xeito da primitiva man punzando na cerámica incisa.

A mestría de Xerardo Crusat deixounos outra volta a reflexión sobre o ilimitado; a admiración que sempre desperta o universo experiencial, sublime e particularísimo dun autor esencialista. Bosquexo, proba, apunte, debuxo ou pintura, tanto ten. Baixo a veteranía técnica, baixo os anos de taller e campo, está sempre ese inconfundible vezo pola suxeición do que hai alén do real, desa clave inorgánica da verdade que son as cousas non visibles, mesmo que sexa cun papel acoitelado, cun cartón de embalaxe ou co magma dun pensamento.

A mestría de Xerardo Crusat certificábana as preguntas inevitables, sorprendidas, ás veces mesmo desconcertadas, pero marabilladas, de cantos pasaban por diante das súas obras.

Un comentario en “Xerardo Crusat: Papel e coitelada

  1. Casi cada lunes paso por el Lustres Rivas para ver las variadas exposiciones, seguro que he visto las que tú nombras, la que sí recuerdo perfectamente es la de Juan Fernández, y tuve el placer de charlar un ratito con él. En uno de sus cuadros había un hermoso niño pintado y me comentó que era su nieto. También me gustó muchísimo una que se llamaba “Cor e Natureza” el pintor se llama Constantino González, eran unos óleos en los que las flores destacaban por su precioso colorido.
    Es una pena que cuando leemos vuestras recomendaciones aquí en el Café, ya estén las obras guardadas en casa del artista, o en otra exposición no conocida.

    Saludos palmeiráns, Antonio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>