Decidiramos saír á rúa

Fio de Ariadna LauraLaura Dalama Veiga. Decidiramos saír á rúa a perdernos. O ceo parecía entender e, case coma se fose algo premeditado, conxugou co noso estado de ánimo: de cor gris azulada cun ton indefinido pero definitivamente triste e aflixido, cargado de nubeiros que impedían contemplar unha saída e con sons que ameazaban con deixar caer as bágoas que precederon o diluvio universal.

Decidiramos saír á rúa a perdernos posto que calquera sitio semellaba mellor que aquela casa. Cos nosos pasos, percorremos as estradas pouco coidadas dunha aldea case abandonada e demos voltas e voltas arredor dos mesmos edificios, sempre buscando unha escusa para non volver. Ás veces, atopabamos unha árbore cunha forma peculiar e iso dábanos cinco minutos máis; outras, un ourizo caído permitíanos buscar por castañas durante dez minutos. Así, pasamos a tarde observando o ceo, falando dos muros que caían e das hortas que xa non cultivaban nada e buscando entre as pedras máis historias agochadas que nos deixasen esquecer a nosa propia. Pero o ceo deixou de entender, as nubes pareceron aliarse cos outros para que a lúa se perdese entre a escuridade, e a tarde deu paso á noite.

Decidiramos saír á rúa a perdernos posto que calquera sitio semellaba mellor que aquela casa, pero chegara a hora de volver.

Un comentario en “Decidiramos saír á rúa

  1. Moi apropiado para os días que corren Laura, pero o sol volverá a saír, sen dúbida.
    Benvida, un saúdo dende Palmeira.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *