Eveline

chusMaría Xesús Blanco. Eveline chegou de incógnito. Como o faría a personaxe principal nun libro de misterio. Ninguén sabe onde está. Nin as súas amizades. Tampouco a súa familia.  Leva o cristal algo aberto para escoitar o son do vento que vai quedando atrás. Lémbralle o zoar suave das medias que deixou, apresurada, no tendal. O taxi detense á beira dun carreiro. Varias horas de viaxe e aínda queda un pouco para chegar. É preciso estirar as pernas. Hoxe non lle importa a choiva nin o frío. Nin esa humidade da néboa bulindo nas fosas nasais e nos beizos. Eveline quere gozar dese espazo agarimoso que atenúa o estrondo do océano. Hai moito tempo que non camiña pola praia. Percorre amodo o camiño ata as rochas e sinte unha forza lene que empeza a agromar na area. Sen dúbida é esa cor intensa que reflicte a luz na beiramar a que suxire a necesidade urxente de saír a flote.

Claro que Eveline non é a personaxe dunha novela, non. É unha muller real de carne e óso. Nova. A piques de cumprir os trinta. Que leva unha identidade ficticia, iso si. Ademais dunha maleta prestada, unha pulseira electrónica que lle oprime o pulso da man esquerda e a dirección da casa de acollida. Ninguén sabe agora onde está. Nin o que acontecerá co seu futuro. Tampouco se algún día recollerá as medias, tan lindas, que deixou esquecidas no tendal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *