Galicia e os galegos na poesía castelá CXXXIII. Luis de Narváez

168315248Román Arén. En 1538 edítase en Valladolid a obra Los seis libros del Delphin de música en cifra para tañer vihuela do músico granadino Luis de Narváez, nado arredor de 1500 e morto entre 1550 e 1560. Estamos pois ante un músico que compón para as letras dos poetas. Ben se sabe que mesmo en lingua galega, ou que pretende selo, aparecen vilancetes e cantigas paralelísticas nalgunhas obras musicais do século XVI, como é o caso do Libro de música de mano intitulado El Maestro  (Valencia, 1534) de Luis milán (“Falai, miño amor, / falaime; / si non me falais / mataime…”) ou no Cancioneiro de Upsala (Villancicos de diversos autores, a dos y a tres y a cuatro y a cinco boces, Venecia, 1556), editado de novo en 1909 por Rafael Mitjana nesa cidade de Suecia (“Mal se cura muito mal, / mais o pouco cando tura /muito máis peor se cura…”) ou no Cancioneiro Musical de Palacio, editado en 1947 e noutras como Recopilación de Sonetos y Villancicos de a quatro y a cinco, de Juan Vasquez (Sevilla, 1560) ou o Cancioneiro Publia Hortensia, polo nome da biblioteca de Elvas. Case sempre se ignora o nome do autor das composicións musicadas, como é tamén o caso da que contén o libro de Luis de Narváez, da que anoto o fragmento que fai referencia ao Camiño de Santiago:

El romero y peregrino / cansado de caminar / comienza luego a cantar / por alivio del Camino.

Estará moi presente o Camiño de Santiago nos cancioneiros flamencos, franceses, no galego (“Cando vaias a Santiago / comprarasme un santiaguiño / coida de mercarmo grande / anque coste un realiño”), salmantino, portugués, alemán… Quen teña interesa nas cancións dos peregrinos ten varios libros ao seu dispor: Cancionero de los peregrinos de Santiago (Madrid, 1971), de Pedro Echeverría Bravo, pode ser o máis coñecido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>