Preitos entre gremios pesqueiros

BD20C2F2_184756Manuel Mariño del Río. As actividades pesqueiras xeraron conflitos entre os distintos gremios de mar dos portos da ría de Muros e Noia e aqueloutros que faenaban nela polo emprego das novas artes de pesca, así como o seu uso dentro dos límites da ría entre os séculos XVI e XIX. O gremio do mar sonense mantivo o primeiro preito cos mariñeiros de Noia a partir de 1585; o segundo cos de Muros xa estaba en proceso antes de 1635 e o terceiro, cos fomentadores cataláns, a comezos do século XIX.

Menos coñecido foi o preito dos sonenses cos mariñeiros de Corrubedo no ano 1826. Grazas a varios protocolos notariais, rescatados dos arquivos por Santiago Llovo, sabemos que o 28 de xullo unha orde expedida polo comandante de Vilagarcía, mandaba que os mariñeiros de Corrubedo se abstivesen de pescar con palangres nas postas onde os sonenses faenaban con volantas desde había moitos anos.

Segundo declararon os sonenses, os seus homónimos de Corrubedo continuaron traballando «a su antojo con notable perjuicio» para eles. O 22 de agosto, nove lanchas de Corrubedo descargaron no peirao sonense abundantes pescadas capturadas con palangres, feito que para os veciños constituíu unha provocación. Produciuse daquela un enorme altercado aplacado polas autoridades militares de Muros que se atopaban alí naquela data.

O 30 de agosto, 19 mariñeiros sonenses, acompañados polo cabo de mar, outorgaron un poder notarial en favor de Joaquín Mariño e Eugenio Carballo para que practicasen as dilixencias oportunas na defensa dos seus intereses.

O 19 de outubro, un auto deixaba impunes aqueles feitos e declaraba que os matriculados de Corrubedo podían empregar libremente as volantas e palangres de puntas a fóra da ría de Muros-Noia, marcando, á súa vez, cales eran aquelas referencias na costa. Os mariñeiros sonenses sentíronse ofendidos e o día 3 de decembro os dous representantes mencionados outorgaron un poder ao procurador Ramón de Otero diante dun escribán e testemuñas para que representase o gremio, achegase a documentación que fose necesaria e apelase ante o Tribunal Superior da Capitanía Xeral do Departamento de Ferrol.

Denuncia por abusos

O 31 de xaneiro de 1827, 11 veciños de Corrubedo compareceron perante un escribán da Pobra do Caramiñal en representación de todo o gremio de mar daquel porto. Deron conta dos abusos que sufriran no peirao sonense por parte dos matriculados e o cabo de mar, que lles retiraron pola forza o peixe capturado e lles embargaron as embarcacións e os aparellos, co pretexto de que non podían pescar en certos puntos nin erixirse, os do Son, «dueños de la mar». Feitos que puxeron en coñecemento do comandante militar de Vilagarcía.

Informaron que delegaban no procurador Francisco Gayoso para que levase a efecto as dilixencias necesarias, ata acadar unha decisión favorable, amparados nas leis que naquel caso os beneficiasen. Así o outorgaron e asinaron aqueles veciños de Corrubedo que souberon facelo e, polos que non, unha testemuña e o cura reitor da veciña parroquia de Olveira, Domingo Fontán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>