A tía Concha

candle-2038736_1280María Xesús Blanco. Chegamos as dúas collidas do brazo. Miña nai teimara en que a acompañara aquela tarde. Dicía que habían de ir todos os primos. Que nos quería moito a tía Concha. Eran outros tempos. Cando chorabamos os nosos nas casas ata o derradeiro adeus. Eu tiña apenas dezaseis anos e para min sería a primeira ausencia. O primeiro velorio de alguén querido. Abriu a porta Xoán, o primo maior. O que se fora había uns meses a New Jersey. O que escapaba de todas nós porque nos vía coma unhas nenas. E a quen todas nos admirabamos como se fose un actor de cine. Levounos en silencio ata unha habitación ateigada de xente. Conmovía ver á nosa tía no cadaleito co xesto sereno. Quizais porque morrera como vivira. E na casa familiar, como nos debía asistir a morte a todos. A xente falaba e falaba arredor dela. Ás veces alguén choraba. Eu non podía deixar de mirala. Coa súa roupa de domingo e as pernas ben cadradas. Case non se percibía a coxeira. Aquela eiva física por mor dun atropelo cando era moza. Mágoa que xa non puidese botarnos a súa ollada agarimosa. Como cando nos coidaba mentres as nosas nais ían traballar á fábrica.

Malia as horas facérense longas, a noite ía pasando. Algunhas sobriñas seguían sentadas ao pé da defunta, como a nai de Xoán  e maila miña. As primas tentabamos espantar o frío do inverno arredor da cociña de leña e os homes á calor dun cigarro no banco vello da entrada. A casa enteira era un fervedoiro de voces baixas. De silencios intermitentes que se prolongaban ata o fondo do corredor. Non sei que hora sería cando volvín á habitación buscar a miña nai. Mais, alí só había cadeiras baleiras arredor da tía Concha. A porta do balcón estaba entreaberta e víase un mozo fóra botando un pito. Achegueime con lentitude e alguén falou na escuridade. Era Xoán. Os dous quedamos apoiados na varanda de madeira. Fixei, inqueda, a mirada no ceo escuro de decembro. E foi cando percibín como pousaba as súas mans no meu van. Como tentaba xiralo mentres me dicía ao oído que o deixase abrazarme. Foi cando sentín a sorpresa bulíndome no teito da boca. O anhelo da primeira vez. A turbación do beixo inesperado. De súpeto alguén falou preto de nós e entramos nerviosos na estancia. Pouco tardou miña nai en dicir que era hora de irnos. Eu aperteime ao seu brazo e baixei a ollada. Xoán abriunos a porta con preguiza e sentín a súa mirada moi amodo, como se acabase de descubrir un tesouro. A noite chegara ao seu fin e era necesario recuperar folgos antes do último adeus.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>