As miñas etapas

«Rostro de muller» está exposto no Lustres Rivas
«Rostro de muller» está exposto no Lustres Rivas

Eme Cartea. Manuel Romero, o internacionalmente recoñecido artista de Noia, está a expoñer na sala Lustres Rivas, de Ribeira, unha retrospectiva da súa prolongada produción, composta por 23 óleos e 3 esculturas, visitable dende o 17 do mes de xaneiro ata o 29 de febreiro deste 2020. Canto ao estilo, vai da figuración á abstracción lírica, pasando polo surrealismo.

A mestría do autor noiés é innegable. A súa estadía londiniense forneceulle unha bagaxe formativa e cultural indubidábel, así como o contacto directo con grandes pintores da Escola de Londres, como Lucian Freud, Francis Bacon ou Frank Auerbach, de largo percorrido vital e artístico, con prolongacións destacadas como a de Jenny Saville.

Pintura icónica

Eliximos, nesta ocasión, o lenzo Rostro de muller, que nos parece acaído como parangón desa pintura icónica neofigurativa da segunda metade do século XX, con múltiples variantes e influencias do expresionismo e mais do informalismo europeos. Unha figuración subxectiva do real (esencialmente o corpo humano), xa que o pintor pinta paisaxes corporais máis alá do que ve: «Lo que vemos en las cosas no está en las cosas, sino en el fondo de nuestra alma» (Dalí: Método paranoico-crítico).

Neste tipo de pintura actúa, pois, a propia experiencia a través do simbólico e do ideolóxico, cunha certa dose de admonición social, a través da expresión verista dunha profunda soidade existencial (Edward Hopper) -propia da posguerra da Segunda Guerra Mundial-, materializada en pinceladas cumpridas e empastadas, dun cromatismo intenso, cálido e desapracíbel, que contrasta co fondo verdoso e o azul vigoroso da ollada.

Un rostro esbozado pero sabedor de profunda expresividade. Os seus ollos son como a ventá -invertida- de Giotto, ao inconsciente. Manuel Romero ofrécenos un retrato psicolóxico, no que aflora o emocional, o caracteriolóxico e o sentimental, sen compracencias, e cun toque caricaturesco no esencial, alla maniera di Velázquez no seu Inocencio X, ou de Freud e a súa Raíña Isabel II, de tan polémica aceptación, por seren retratados como realmente son -representación dos instintos e dos desexos básicos-, e non como pensan que son, ou lles gustaría seren.

Realismo impúdico

E a boca, sen deixar de desprender sensualidade, é tamén expresión dun realismo impúdico, perturbador. Texto en carne viva no que lemos desolación, medo, fecunda explicitude. Efecto que se multiplica á luz da mirada, introspectiva e triste, perdida dentro de si.

Esa falta de redondez é xa invitación ao espectador -autor verdadeiro da obra-, quen debe embeberse na maxia da interpretación. Pero, sobre todo, gozar da beleza estética. A elexía espera aí, nesa cara patética e polifónica que se interroga. Déixate levar pola luz da emoción e ofrece os cinco sentidos, sen obcecarte na (im)posible verdade. A túa é a que conta!

Un comentario en “As miñas etapas

  1. Unha preciosidade a obra de Manuel Romero, apreciado Cartea. Como eu xa disfrutara dela, o outro día levei a J. M para que a mirase e pareceulle magnífica. Algún deles teñen semellanza cas pinturas de Van Gogh, en especial a dun anciá que se ve de perfil.
    Si me deran a escoller, aínda que esas caras desas preciosas mulleres pintadas con esa técnica do derrame, son excepcionales, eu elexiría a do zapateiro. Seguramente sexa porque meu avó paterno foi un zapateiro noiés.
    Moi recomendable a exposición, e coa tua aportación, Manolo, favorécela aínda máis.
    Unha aperta.

Deixa una resposta a magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *