Encontros literarios en Gres

fundacionNVPilar Sampedro. A Fundación Neira Vilas, situada na casa natal do escritor e residencia dos últimos tempos del e de Anisia Miranda, puxo en marcha estes encontros literarios o derradeiro domingo de cada mes. Encontros arredor dun escritor ou escritora e da súa obra.Ata este momento puidemos compartir esa tarde de domingo arredor dun café ou chocolate con Lois Alcayde Dans, un mozo estudante de xornalismo que xa conta co I Premio Balbino de relatos polo libro Camiños na sombra, e o segundo premio na edición IV do Mazarelos da USC polo conxunto poético Xente da crise.

El foi o primeiro dos convidados. A segunda foi Rosa Aneiros, tamén xornalista, cunha ampla obra publicada tanto para infancia (Os ourizos cachos e o gran río, A batalla da pequena Chañan Curi Coca, Orestes perde o sentido, Xelís, o guieiro das botellas de mar) e mocidade (a triloxía: Ámote Leo A. Destino Xalundes, Ámote Leo A. Estación de tránsito, Ámote Leo A. Terminal de chegadas; Ás de bolboreta) como para persoas adultas (Sol de inverno, Veu visitarme o mar, Resistencia…) e que conta con múltiples premios entre os que podemos destacar os tres da factoría Xerais (Merlín, Jules Verne e Xerais).

A terceira, no mes de xaneiro de 2020, Antía Yáñez. Unha autora moi nova, tamén, nada no 1991, conta xa cunha ampla obra infantil e xuvenil así como unha obra de adultos coa que conseguiu o Premio Illa Nova de Galaxia na súa primeira edición. Entre as infantís podemos citar a serie que comezou con O misterio de Portomarín e continuou con O misterio do torque de Burela, e co álbum A reconquista, ganadora ex aequo do Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Conta coa novela xuvenil, finalista do premio María Victoria Moreno, Be wáter e co citado premio de Galaxia por Senlleiras. Un libro, Plan de rescate, está a agardar pola publicación despois de resultar ganador do premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

Estamos, polo tanto, ante autores moi novos pero xa cunha carreira consolidade e un deles vinculado á Fundación por ser ganador dun dos premios relacionados con Neira Vilas.

Na casa dun escritor débese falar de libros. Unha tarde de domingo: eses días nos que unha se prepara para o traballo da semana, descansa e, ás veces, ata pode aburrirse. Unha boa tarde para reunirse e practicar iso que se chama ocio cultural, para visitar os espazos de Neira e Anisia, e para encontrarse con outras persoas ás que tamén lles gusta isto de ler. A primeira pregunta, obrigatoria e ineludible, repítese en cada sesión: Que significou para ti Memorias dun neno labrego?, e a resposta sempre é rica e acaba abrindo a porta á obra propia de cada un dos autores e autoras.

Unha iniciativa moi acorde co lugar, unha fundación no rural, unha xuntanza situada en espazos magníficos a nivel paisaxístico e gastronómico.

Xa sabedes, cando vos entre a morriña, cando apeteza viaxar a terras do interior, acordádevos das illas de Gres, de Ponte Ledesma e da Fundación Neira Vilas. Alí seredes ben recibidos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *