Autodidactas, case.

ensenar-atarse-las-agujetas-2Marina Losada Vicente. Un conto explica aos nenos e ás nenas como atar os cordóns dos zapatos. A base é que deben imaxinar que están facendo as orellas dun coello. A intención, que se divirtan aprendendo. Sobre o mesmo tema, un vídeo titorial insiste en que se deben usar cordóns de distintas cores a fin de que as mentes infantís non se fagan unha lea.

Existe unha canción coas instrucións para facer preciosos lazos, que riman con zapatos. Tamén unha técnica de manualidades chamada “zapatos de cartón”, que consiste en sacar moldes dun zapato, recortalos e facerlles buratos. Deben colorearse, vistosos e atractivos, a fin de que a infancia non se distraia.

Uns debuxos animados explican esta cuestión en cómodos pasos, empezando por como utilizar os dedos polgar e índice, en forma de pinza de lagosta, para agarrar os cordóns. Deben agocharse o resto dos dedos para que non interfiran.

Nestes métodos, fáciles e divertidos, recoméndase -case todos falan á nai- esperar ao momento xusto de idade, cando os cativos e as cativas teñan as habilidades necesarias. Insisten en recordar que o proceso de aprendizaxe da crianzapasa pola repetición, o que conleva un plus de paciencia.

Eu, como son así, recordo a mamá explicándonolo a meu irmán e mais a min, cada un no seu propio zapato. Rápido, como ela facía sempre todo. Despois púxose a coser e a nós mandounos debaixo da mesa, coa premisa de que non sairiamos de alí ata que soubésemos atar os cordóns. Punto. Ata hoxe.

2 comentarios en “Autodidactas, case.

  1. Boa tarde: É curioso, canto menos, como imos repetindos os xestos herdados. Non podo acordarme do que me cantaba meu pai no berce, pero si do que lle cantaba a meus irmáns, sobre todo ao máis pequeno, do que me separan sete anos. Por moito que innove, se teño un bebé no colo, acabo cos mesmos arrolos. Bicos, Magdalena.

  2. Sabes cómo mo aprendía a mín miña nai ? así: “Lazo grandullón, lazo menudo dáselle a volta e faise un nudo”. Así o aprenderon tamén os meus fillos.
    Moitos biquiños, Marina. Sempre é unha ledicia lerte.

Deixa una resposta a marina Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *