Pipicán

Este servizo para mascotas está instalado nun aeroporto internacional
Este servizo para mascotas está instalado nun aeroporto internacional

Xulio Gutiérrez. «The times they are changin» (os tempos están cambiando) dicía o Premio Nobel de literatura Bob Dylan. As familias tamén. Cada vez hai máis familias con fillos caninos e menos familias con fillos humanos. Aquí van uns datos reveladores: no pasado ano 1919 estaban rexistrados en Galicia 470.468 cans e 323.433 persoas menores de 15 anos.

Campañas para aumentar a natalidade á parte, temos a necesidade de organizarnos como sociedade a tenor desta nova realidade. As familias con cans e sen fillos, as familias con fillos e sen cans e as familias con cans e con fillos compartimos espazos públicos non sempre sen conflitos.

As familias con cans, precisan de dous tipos de lugares para saír coas mascotas.

Os coñecidos como pipicáns son pequenos espazos cerrados, deseñados co único obxectivo de que os cans defequen e ouriñen. Son relativamente frecuentes no centro das cidades ou en grandes edificacións. Como exemplo, o da fotografía, que está ubicado nun aeroporto internacional.

Distribución

Os pipicáns son os baños dos cans. Só serven para facilitar o alivio das súas necesidades fisiolóxicas. O feito de concentrar neles os refugos da maioría de cans dunha vila permite que os demais espazos estean máis limpos. Pero deben estar distribuídos estratexicamente e ser coidados e saneados regularmente. Se non hai un mantemento adecuado, convértense en lugares nauseabundos e insalubres.

O tempo de uso dun pipicán debe ser curto porque é un sitio incómodo para a maioría dos cans. Despois hai que continuar o paseo para que diminúa o estrés que xera este lugar. Debe ter tempo para olfactear, explorar e atoparse outros cans aos que saudar.

Segundo a OMS, a saúde humana é o «estado completo de benestar físico, psíquico e social». A saúde canina tamén. Un can non goza de boa saúde se non ten unha vida social sa. Todo can debe saber socializar plenamente con humanos e con outros cans.

Sen molestar

Os recintos para cans dentro dos parques son os lugares idóneos para a socialización. Deben ser espazos amplos e con peche perimetral, para permitir que os cans poidan estar soltos, sen correr o risco de seren atropelados. Deben estar ben sinalizados e contar con información axeitada e as normas de uso. Son estes os lugares onde os cans e os seus donos poden relacionarse coa tranquilidade de saber que non molestan a ninguén.

Nestes recintos de convivencia canina os cans socialízanse e aprenden a relacionarse correctamente, tanto con humanos como con outros cans. A socialización é fundamental para a felicidade do can e da súa familia. Un can que non socializa correctamente pode desenvolver problemas condutuais, como medo, nerviosismo e inseguridade. Calquera destes problemas poden levar ao can a, nun momento determinado, reaccionar de forma esaxerada e incluso morder.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *