2020. Cambio de paradigma

pexels-photo-3991311Pilar Sampedro. Estamos en tempos de cambio. O que ata hai uns meses era normal, tal vez non volva selo. De repente, coma se dun cataclismo se tratase, o mundo deu a volta. Foi unha transformación potente pero silenciosa; non se trataba dun ataque terrorista senón da expansión dun virus, dun contaxio para o que ningún país estaba preparado. Unha contaminación vírica que encheu os hospitais ata desbordalos e pasar a ocupar recintos feirais e polideportivos. Toda a xente tivo que pecharse nas casas para que o virus non chegase a eles, porque andaba por todas partes. Tratábase de fuxir del, de non darlle ningunha superficie sobre a que poder pousar pois actuaba como un alien invisible que se alimentaba dos tecidos esenciais para reproducirse infinitamente. Semellaba castigo de deuses ou dunha Terra farta de aguantar atropelos sobre o planeta, sobre o resto das especies e, tamén, sobre os persoas máis vulnerables.

Primeiro chegara o VIH e SIDA. Transmitíase a través dos fluídos (maioritariamente sexuais) de persoas infectadas; de maneira que atacou –tamén–  a liberdade sexual que chegara a occidentes nese século. A indefensión ante ese perigo oculto aos ollos e microscopios fixo que a especie humana mostrara de novo a súa fraxilidade, igual que no momento de nacer.

Agora, un coronavirus con número e letra, atacou, de novo. Entra polas aberturas da cabeza e ataca de tal maneira que impide que o osíxeno chegue a manter a vida. O mundo, que corría a toda velocidade, tivo que deterse: todo ficou conxelado. Como se podía parar todo? Pois parouse! O capitalismo salvaxe que se instituíra como algo normal, que viña de serie, da mesma natureza e era de imposible modificación (agás por parte das cabezas do gran capital) ficou cambaleándose, mentres unha parte se erguía sobre os seus propios ombreiros para, coma carroñeiras, enriquecerse no medio da destrución e a morte. A xente ficou illada, non puido falar entre ela nin mostrarse afecto.pexels-photo-3957982 As pantallas, que tanto adoraran, nos tempos anteriores, convertéronse no único medio de relación, víanse, falábanse, aloumiñábanse a través do dixital, cos fanais interpostos.

As rúas baleiras, os locais pechados. A vida no cárcere do fogar ou dando unha nova oportunidade ao silencio, ao pensamento e ao sentimento, aos afectos entre as catro paredes.

Agora, no medio do vendaval, vemos que certas programacións funcionan perversamente. A esperanza de vida que estaba aumentando foi tallada de forma que as persoas maiores e enfermas foron as primeiras en caer. As de menor idade estaban confinadas na casa e nalgún momento os adultos estiveron dispostos a cumprir os soños dun mal estudante: nin suspensos nin repetición, todo quedaba posposto para o seguinte curso; eses mesmos adultos anticipaban que o abandono escolar ía aumentar, polo tanto quedarían fóra do sistema os desherdados, os que levaban tempo estorbando. Semellaba obedecer, todo, a unha planificación cruel.

2 comentarios en “2020. Cambio de paradigma

  1. Bos días, Pilar:
    Ti dis que “o mundo, que corría a toda velocidade, tivo que deterse” e ao lerte venme a cabeza aquila profecía que o conde de Ureña dixo do Gran Capitán Fernández de Córdoba, a volta de Nápoles: “Esta nave tan pomposa necesita de mucho fondo; presto encallará en algún bajío”.
    Este puñetero virus fíxonos encallar no baixío das nosas casas, pero a nave do noso continente ao mellor tenlle algo que agradecer a esa coroa con letra e número.
    Saúde Pilar. Unha aperta dende Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *