Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade

51Z-yaHSXjLPilar Sampedro. A editorial Baía, demostrou o seu interese e sensibilidade cara ao tema da muller e da igualdade ao poñer en marcha a colección “Contos da Igualdade” cos títulos: Un día de treboada, Alfombriña; Nera, a Ferreira, O meniño Nito; Entón, os homes choran ou non?, e o exitoso, Xela volveuse vampira, de Fina Casalderrey.

Hai un par de anos avanzou nese ámbito ao crear o Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Na primeira convocatoria resultaron ganadores, ex aequo, os libros: A reconquista de Antía Yáñez e Vermella de Sabela Losada.

A reconquista, con ilustracións de Ana Pedreira, trata de como o patio da escola é ocupado pola xente que xoga ao fútbol (maioritariamente nenos) deixando ao resto da rapazada sen espazo e tendo que ocupar as marxes. Isto sucede ata que un día unha nena pon en marcha unha estratexia de resistencia pasiva. Séntase no medio do campo a ler, e os demais vanse apuntando a tomar posesión do lugar, obrigando a que os futbolistas teñan que xogar esquivando obstáculos, chamando o profesorado de garda para que poña orde e rematando por desistir. Ao final, a rapazada xoga a diferentes xogos que ocupan o lugar sen estorbarse. Nenos, nenas e xogos mesturados. Unhas notas a pé de páxina nas que a autora vai presentando información sobre especies animais nas que os roles de xénero non funcionan tal como poderiamos agardar, fan que o lectorado dubide acerca do que pode considerarse “normal”.

Vermella introduce o tema da menstruación nun conto infantil. Faino dunha maneira divertida. Cando un neno e unha nena descobren unas gotas de sangue no cuarto de baño, deciden realizar unha investigación, a modo de detectives. O humor ao lado das marabillosas chiscadelas, plenas de simboloxía, coas que xoga a ilustradora, Minia Regos, enriquecen a historia ata límites insospeitados.

51nV0RVmiJLNa segunda convocatoria deste premio resulta ganadora a obra O País do Gran Furado de Xerardo Quintiá, unha proposta totalmente distinta e novidosa. A modo de xogo alegórico, preséntanos unha historia hiperbólica e divertida, que nos conta que nese país hai un tirano de nome MAXI-Miliano que lles prohibe ás mulleres ler poesía, andar coas orellas porcas, comer perdices e ser felices. Xa apareceu a rima, si, ela co ritmo levaranos polo camiño do verso narrativo, do conto versificado, para que a historia corra como río. As repeticións, retahílas, fórmulas e conexións co conto tradicional, fan doada a participación dos nenos e das nenas que anticipan o verso e o relato, léndoo con gusto.

A historia do ditador todopoderoso que oprime as mulleres axudado polos 18 ministros e os 19 policías (coa colaboración dos “propios homes que se chivan”) móvese nunha leira que toca a fantasía lindando coa realidade, aínda que as prohibicións sexan absurdas e arbitrarias.

Acada Quintiá o mesmo punto de graza que lograra con Titiritesa, o primeiro álbum ilustrado no que dúas princesas deciden vivir xuntas, da maneira máis natural. Tal como é a vida.

2 comentarios en “Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade

  1. Así se fan as cousas para que prosperen. Refírome a rapaza que marcou esa estratexia de que o patio da escola non tivese preferencia para un só xénero. Rosa Parks, tampouco lle cedeu o seu asento a un branco no autobús, e dende entón os negros poideron sentarse no lugar que lles apetecía.
    Bos días, Pilar, cariñosos saúdos dende Palmeira.

    1. Ben traída, Rosa Parks. Alguén ten que dar o primeiro paso. Esa muller, e esta nena, con ese paso abriron un camiño. Na realidade e na ficción, pero esta tamén é necesaria para mostrar modelos aos que seguir.
      Ogallá sexan moitos os pasos.
      Saúde, Magdalena!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *