En memoria de Xosé Luís Franco Grande

Foto: La Voz de Galicia

X. Ricardo Losada. A primeira vez que vin en persoa a Xosé Luís Franco Grande baixaba dun vello Mercedes verde. Eu estaba nunha cafetería da praza de Castelao en Rianxo e el acababa de aparcar. Mentres o vía acercarse á terraza onde eu estaba, pensei que lle gustaba pasar desapercibido, mesmo, algo que confirmei despois, que o dominaba unha moi grande timidez. Emocionoume pensar que aquel home que agardaba era un dos grandes poetas da literatura galega e o creador do primeiro dicionario da nosa lingua, ademais da persoa que mellor describira, por moito que fora tanxencial e unilateralmente, un momento apaixonante da historia do meu país: o reto de definir a cultura e a patria galegas no franquismo e nos primeiros anos de democracia.

      Pasamos unha tarde marabillosa pois, desde o primeiro momento, Xosé Luís creou un clima de confianza, mesmo de camaradería, que me sorprendeu. Uns meses antes puxérame en contacto con el porque estaba escribindo unha biografía de Faustino Rey Romero, e el coñecérao persoalmente no seu Tomiño natal cando o crego rianxeiro exercía alí en tres parroquias. Paseamos por Rianxo, visitamos a casa de Rafael Dieste, e acercámonos ao cemiterio de Isorna a visitar o panteón do amigo e a persoa que máis o animara na súa mocidade a ser poeta. Non tiven ningunha dúbida, durante aquela visita, de que Xosé Luís valoraba moito, como despois sempre me demostrou, a amizade e, algo máis raro e meritorio, que era unha persoa agradecida. Mesmo quixo coñecer a casa natal, en ruínas, e a casa onde vivira don Faustino cando estivera castigado polo bispo de Tui. Da conversa que tivemos nesa casa coa irmá do poeta dos merlos, só recordo o interese de Xosé Luís por saber o significado concreto que lle daban en Isorna a algunhas palabras que ela empregaba, distinto en moitas ocasións, e iso producíalle, a ollos vista, un enorme gozo, do que lle daban en Tomiño ou noutras vilas galegas.

     A partir dese día, non nos vimos en moitas ocasións, pero si mantivemos un contacto regular e intenso a través do correo electrónico. De todos xeitos, hai dous momentos que quero recordar agora, momentos que revelan, segundo o seu propio maxisterio, a súa personalidade, mellor que calquera estudo psicolóxico.

 Foto: La Voz de Galicia     O primeiro, o día que visitei con el e cun afamado avogado amigo seu o museo de Manuel Antonio en Rianxo. Só podo dicir daquel día o mesmo que xa dixen antes. Tanto no viño que tomamos nunha terraza da praza da Igrexa, como na saborosa comida dun restaurante da vila, como no longo paseo que demos, un día de moita calor, pola casa dos Baltar, as praias de Tanxil e Tronco, a punta de Fincheira e o porto de Rianxo, o único que sentín foi que estaba con dous vellos amigos, que me levaban vinte e cinco anos, recordando unha infancia común naqueles lugares.

     O segundo recordo é máis recente. Fai agora dous anos presentei en Rianxo o meu libro Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, que lle dediquei con estas sentidas palabras: Poucas veces un xeneral se pon ás ordes dun soldado raso. Xosé Luís, non é que estivera acompañándome na mesa, é que me fixo sentir que, de verdade, era un honor para el estar naquela mesa presentando aquel libro meu, un libro sobre o que xa con anterioridade (el adoitaba mandarme os seus, e eu a el os meus, antes de publicalos) me dera valiosos consellos. Unha semana antes viñera desde Vigo para… preparar comigo a súa intervención! Despois do acto agardou máis dunha hora (eran as once da noite e con 82 anos tiña que volver a Vigo) a que eu rematase de asinar exemplares, e fomos cear a un restaurante do porto de Rianxo, acompañados das nosas respectivas mulleres. Era un día de frío, moito vento e moita chuvia. Pedimos un caldo que nos soubo, sobre todo a el, a gloria. Esa é a imaxe que me veu á cabeza o outro día cando o amigo Xosé Manuel Lobato me chamou para dicirme que morrera. Nin sabendo que escribía e publicaba retratos sobre as persoas que coñecía era posible estar con el doutra forma que non fora natural e entrañable como aquel caldo.

     Por todo iso, permitide que me despida del coa mesma fórmula que el empregaba comigo nos seus correos, e que, ao mesmo tempo, nos une á persoa que propiciou que nos coñecéramos.

     Que alá onde esteas, Xosé Luís, cante o merlo.

8 comentarios en “En memoria de Xosé Luís Franco Grande

  1. Prezadas Rosalía e Navia:

    Aínda que ao longo da miña vida lin bastantes libros de Ética, creo que sigo atado aos consellos que me deron meus pais cando era un neno. Dous deles sonme especialmente queridos. Hai que ser persoa. Hai que ser agradecido. Non creo que sexan valores ao alza, nin que faciliten as cousas no tipo de sociedade na que vivimos. Pero dan satisfaccións (humanas) moi grandes.
    Un dos problemas que pode ter a relación dun soldado raso cun xeneral é que o xeneral pense que o soldado raso quere utilizalo como un medio para conseguir algo. Non foi en ningún momento o caso. O voso pai comportouse comigo (quero pensar que debido a que eu tamén o fun con el) como unha persoa. E a min, simplemente, non me queda outra que ser agradecido.
    Agradézovos tamén a vós o comentario neste blog. Foi unha inmensa alegría porque non vos puiden manifestar o meu pesar.
    Unha aperta moi forte para toda a familia. E que, a pesar dos pesares, siga cantando o merlo tamén para vós.

  2. Benquerido amigo: soubemos polo noso pai da relación de amizade que mantiñan e, como se pode deducir da lectura deste artigo, ademais de sincera foi unha relación cariñosa. Agradecémoslle moito as súas palabras en memoria do noso pai e, como el querería que fixésemos, enviámoslle unha aperta fonda.
    Desculpe que o fagamos por esta vía, pero non temos o seu teléfono.

    Rosalía e Navia Franco Barreiro

  3. Prezada Carmen:

    Nunca é tarde para adentrarse en terreos descoñecidos. Non sabes a envexa que me deches o outro día cando comentaches que non coñecías a Bukowski. Descubrilo a idades avanzadas debe ser unha experiencia… non sei cualificala. O mesmo che pode pasar con moitos autores galegos, vivos e mortos.

    Agradézovos, tanto a ti como a Magdalena, os cualificativos sobre a miña biografía de Manuel Antonio.

    Fermosa canción, e un dos lugares de Rianxo que máis me gustan, por moito que agora estea dominado por unha depuradora.

    Un saúdo e moitos ánimos!!!

  4. Prezado Luís:

    Non teño o gusto de coñecerte, pero coincido coas túas palabras, que agradezo. Xosé Luís era moi profundo (tanto, que me gusta pensar que esa era a razón de que fose tan tímido), moi lúcido e moi humilde.

    Unha forte aperta

  5. Prezada Magdalena:

    Creo que na vida hai que ser agradecido, e Xosé Luís Franco Grande merecía ese meu agradecemento. Non só pola nosa relación literaria, senón, sobre todo, humana. Distante, pero intensa. E nada xerárquica, desde o primeiro momento.

    Tes razón. A morte dun ser querido é sempre moi dura, pero nestas circunstancias éo moito máis. Un dáse conta da importancia de rituais que ás veces infravalora.

    Unha aperta desde este Rianxo que estou comezando a redescubrir

  6. Querido profesor:
    Me acuso -creo que lo expresé en otras ocasiones- de ser una gran desconocedora de la cultura gallega y, en particular, de la cantera literaria rianxeira. ¡Imperdonable!
    Pero también creo que es justificable mi ignorancia si lo miramos desde esta perspectiva: marché definitivamente de Galicia hace 46 años -salvo los veraneos- y en mi trayectoria vital no quedaba mucho tiempo para una lectura que no estuviese relacionada con mi profesión. Lo tremendo era disponer de una amplia biblioteca y no poder dedicar unas pocas horas a la lectura.
    Preciosa y sentida semblanza la que haces de Xosé Luís Franco Grande, así como el personalísimo agradecimiento que le dedicas en esa joya literaria que es “Manuel Antonio”.
    Al leer “a punta da Fincheira”, no he podido menos que rememorar la canción que alude a la llegada de las lanchas y a las jóvenes rianxeiras recibiendo a sus hombres.
    Un fuerte abrazo, extensivo a Magdalena por la que me veo liada en este Café.

  7. Bonitas palabras. Sentidas do mesmo xeito coma os que admiramos a Xose Luis. Un home moi profundo, lúcido e humilde. Ainda choro a súa perda.

  8. Querido profesor:
    Recuerdo perfectamente el día de la presentación de tu libro “Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego”. También recuerdo aquellas hermosas palabras que le dedicaste al ahora desaparecido X. L. Franco Grande con aquella sencillez que te caracteriza y que también plasmaste en la página de agradecimientos de tu gran libro: “Poucas veces un coronel se pon ao servizo dun soldado raso” . También recuerdo como él supo agradecer esas palabras con un maravilloso discurso elogiando con total franqueza tu libro.
    Siento de verdad la pérdida de este gran poeta de la literatura gallega, y para más “inri” el que se haya ido en estos días que no nos dejan espacio para este duelo tan ambiguo como el que estamos sufriendo sin poder siquiera acompañarlo personalmente en el último adiós. Solo nos queda el consuelo de que, de ahora en adelante dormirán con sosiego.
    Mi más sentido pésame, querido profesor.
    Que allá donde esté cante ese mirlo para él.
    Con todo el cariño de la xirina de Palmeira.

Deixa una resposta a x ricardo losada Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *