Normalidade invisible

Actualidad_308982579_78862171_1024x576Marina Losada Vicente. A pregunta colleuna ben por sorpresa. Comparada con que? Non tivo fillas, sería iso, tres homes lle deron a vida. Nin tivo irmás coma quen di, sendo a máis nova de sete. Luísa, a seguinte muller na lista, ben puidese ser a nai que a pariu, con vinte anos de diferenza. Deixou a escola de noviña, tanto que nin tempo tivo de preguntar as cousas que hai que saber. Confiou no seu Moncho. Preñou, non ía preñar! Cando a sorte estivo botada, casou ás apuradas! Non pariu soa porque os berros abriron a ventá, ben  puido ser que ninguén lle dixo cousa algunha e, mexada como pensaba ela que estaba, seguiu facendo a cama e recollendo o cuarto, que unha muller como debía ser non saía del sen aquelalo primeiro.

Na marea, de que falaba coas compañeiras? Dos fillos. Do home. Das cargas familiares. Dos labores da vida, que moitos había. De se era mellor praia esta ou aquela para a ameixa. De a como fora a poxa do día antes. De se interesaba ou non traballar a monte común. Do difícil que resultaba xuntar os cartos para pagar o seguro de mariscadora…

E cando saía de paseo coa veciña dar unha volta pequena, falaba da sogra…moito tiñan sacado a pasear a lingua a conta das sogras… e das cuñadas… sen malicia, vaia por diante. E cos anos, das enfermidades todas, da coxeira, da dor no lombo…

A boa hora a xinecóloga lle pregunta se a súa regra é normal, se moita ou pouca, se a cor é a que ten que ser… o cheiro? Ela que sempre fixo como se tal cousa non existise, que lavaba os trapiños ás agachadas e cando chegaron as compresas -en boa hora-, envolvíaas en papel de xornal e metíaas dentro dunha bolsa, non as visen na casa, non se foran desmaiar!

-Normal… comparada con que?

2 comentarios en “Normalidade invisible

  1. Encántame esta frase :

    “Non pariu soa porque os berros abriron a ventá, ben puido ser que ninguén lle dixo cousa algunha e, mexada como pensaba ela que estaba, seguiu facendo a cama e recollendo o cuarto, que unha muller como debía ser non saía del sen aquelalo primeiro“.

    Resume perfectamente a vida que tiveron que pasar moitas mulleres.

Deixa una resposta a Óscar Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>