Consumidores bolxeviques

descargaX. Ricardo Losada. Nunca me molestou, pero agora comeza a molestarme, e vou aproveitar esta tribuna para protestar. Non me parece ben que cada vez que se quere representar un vello, sobre todo nas ilustracións para nenos, se representen con moita calva e pouco pelo e, por riba, pelo branco. Hai persoas, como un servidor, que temos esas dúas características pero aínda non somos vellos, nin no sentido cronolóxico (non chegamos nin aos sesenta) nin, moito menos, no sentido mental (levantámonos todos os días con moitas ganas de vivir e de facer cousas novidosas).

     Non vou ser eu, desde logo, quen lles diga a ilustradores e debuxantes como teñen que representar os vellos. Nin os vou ameazar cunha demanda xudicial que, de seguro, gañaría. Poríalla, sen dubidalo, se os responsables fosen unha multinacional ou un fillo de papá, pero é evidente que os ilustradores dos libros que, por suposto, teñen a miña admiración, non están para perder un xuízo que, nun caso de tal gravidade, os obrigaría a pagar indemnizacións similares ás que lles pagan as tabaqueiras aos enfermos do pulmón. Se vos parece esaxerado, pensade que os tipos canosos e con pouco pelo, que somos lexión, vivimos nun constante estado de síndrome postraumático, pois os espellos están deseñados para reflectir o canon de beleza de cada sociedade. E aínda máis. Terían que indemnizarnos pola gran cantidade de tinte e de crecepelo que nos vemos obrigados a comprar.

1coquits     Non o tomedes a chanza. A principio dos anos 80, cando aínda non tiñan televisión, nas illas Fidji o modelo de beleza feminino era o dunha muller gordechiña e repoluda, de formas redondeadas, tal e como foi en Occidente noutras épocas. Dicir que eras papudiña tomábase como un afago. Cando a mediados desa década apareceu a televisión, con predominio de series norteamericanas, o modelo de beleza comezou a cambiar e, dez anos despois, era o mesmo, 90-60-90, que en Occidente, dándose os primeiros casos de anorexia e bulimia da súa historia. Non digo, nin moito menos, que sexa o mesmo, e case me dá vergonza utilizar os dous casos nun texto coma este. Só quero ilustrar a influencia das imaxes reiteradas na creación de prexuízos. Como dixo Giorgy Piatakov, se o Partido o esixe, un auténtico bolxevique está disposto a crer que o negro é branco, e o branco, negro. No caso que nos ocupa, se a sociedade capitalista o esixe, o auténtico consumidor está disposto a crer que o calvo e encanecido é vello, e o vello, calvo e encanecido.

3 comentarios en “Consumidores bolxeviques

  1. Que hai de novo, Fidel e Madgalena? (Tamén a min me trae moitos recordos esa frase)

    Dígolles moitas veces aos alumnos que quixen ser profesor convencido de que, se vivía rodeado de mozos, acabaría rexuvenecendo. Así foi. Pero agora, cando os sesenta están nun horizonte moi próximo, a cousa está cambiando. Máis que o vigor dos mozos, o que me rodea é a palabra xubilación. Amigos que se xubilan, amigos a piques de xubilar, amigos que entran en pánico co tema das futuras pensións… E xa non digo nada con todo o que acaba de pasar nas residencias nun tempo no que os vellos xa non son vellos (agás ti, querido Fidel), senón membros da terceira idade, anciáns ou persoas maiores. Como diría Julián Marías, en España moitos cren que o que pasa é o que eles din que pasa… e a realidade é moito máis complicada. Dito polo reverso: como estamos comprobando estes días, se o criterio ético é o heroe, non temos por que cumprir as normas, pois ninguén ten a obriga de ser un heroe.

    En fin. Déixoo. Comentarios deste tipo aínda me fan máis vello.

    Fortes e admiradas apertas para os dous

  2. Una persona poco dotada de frondosidad pilosa si es de pluma honda y talante alto – sois unos cuantos en Barbantia – ese defectillo se hace inocuo.

    Cada vez que me miro al espejo me veo con más arrugas, pero enseguida saco a relucir mis cualidades prácticas y le digo a la que se refleja en el “mirror” : ¡ caray, chica, que bien colocaditas las tienes !
    Por tanto, querido profesor, hay que ir ajustándose a las previsiones del calendario. Es verdad que a ti aún te quedan muchas hojas por pasar y no me extraña que te incomoden esos ilustradores que traumatizan de esa manera a la gente con sus inadecuados dibujos, pero piensa que hay gustos muy dispares. Hay planicies bellísimas y cordilleras agobiantes.

    Criñosos saludos palmeiráns, admirado profesor.

    1. Fala un vello. Dos amigos que nos xuntamos para tomar un café cada martes -agás este parón pola pandemia-, todos xubilados, ningún de nós fai uso de caxato. Unha das iconas máis frecuentes que vemos representándonos consta dunha figura dobrada polo espeiñazo axudándose dun caxato. Á vista de tal anuncio, por veces teño a impresión de que me falta algo: unha cachaba. A respecto do pelo contamos cunha variedade de modelos para todos os gustos. Un pracer lerte, querido amigo Ricardo. Tráeme á cabeza -que non vén moi a conto, pero foi o primeiro que acudiu- o título dun interesante libro escrito polo grupo surrealista de Chicago, apropiándose dunha arquicoñecida frase de Bug Bunny: “¿Qué hay de nuevo viejo?”
      Pois iso. Forte aperta.

Deixa una resposta a x ricardo losada Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *