Respiración mecánica e outras velocidades femininas, de Alm@ Pérez

respiracion_mecanica_cobertaMariña Pérez Rei. A velocidade cibernética, pero co tempo lento das froitas serodias, nace o libro de poemas da artista dixital Tina Escaja, ou do seu alter ego, Alm@ Pérez.  A autora, orixinaria de Zamora, reside nos EE UU onde exerce como  docente na Universidade de Vermont. O seu magnífico Respiración mecánica xa fora anteriormente publicado en forma de e-book en Badosa.  Preséntase agora como Respiración mecánica & VeloCity. Amósase nesta nova vertente coma un libro multilingüe resultado do esforzo común da súa autora (cuxo orixinal en castelán foi traducido en primeira instancia ao éuscaro pola poeta Itxaro Borda) e das autoras Maria Cinta Montagut e Mariña Pérez Rei, que o traducen respectivamente ao catalán e ao galego.

Na súa xénese, o libro componse de poemas de gran intensidade expresados cun léxico cibernético, sensorial, por veces case táctil; textos variados e ricos que cruzan coma un meteoro inflamando o ceo monótono da realidade. Levemente arrequecidos estes versos iniciais polo tacto feminino destoutras poetas que traducimos para as nosas linguas, son agora publicados en forma de libro poliédrico pola editorial Icaria e prologados aínda por outra muller, Marta Segarra, profesora na Universidade de Barcelona. Non podía ser doutra maneira, nesta sorte de complicidade de longos tentáculos femininos.

No libro abrolla decididamente a conciencia feminina afastada de tópicos, narrada desde unha óptica libre e versátil que lle permite á súa autora a superación de prexuízos ou caídas ao baleiro. Así, contempla a feminidade dun xeito orixinal a través de figuras literarias clásicas, sen paternalismos nin complexos. Léase Ofelia,  Sor Juana ou  Fortunata. ( Para el a mesquindade/ para min o seme. )

A poeta analiza tamén o seu propio contexto, que pode ser o de calquera muller que loite por expresar a súa singularidade dentro dun mundo anódino e predicible. A autoafirmación, a linguaxe universal do sexo, do amor e da liberdade son eixes temáticos do libro, manifestados na voz da incontinencia existencial (máis alá do bordo/ detéñome).

tina escajaPero por enriba de todo, en Respiración mecánica está o berro do Desexo, con maiúsculas, porque abrangue na súa expresión realidades polisémicas que conflúen nun mesmo alento. Amante e poema confúndense en ambigüidades premeditadas (Son só a túa palabra/ amante sen tregua nin condón). Mesmo falsos latinismos nos conducen a través da sabedoría secular das mulleres ata o Desexo como manifestación existencial: (Desidero/  ergo sum).

Cun léxico diverso, xogos polisémicos e unha sintaxe fragmentaria, a autora prognostica en feminino o terceiro milenio; así, a variedade de linguas semella contribuír a universalizar a súa mensaxe cibernética: galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés e francés. As bocas son teclados que espallan o desexo feminino cara ao futuro (Keyboards of mouths) (The cyborg in Us) en versos escritos en inglés no orixinal. En suma, mosaico de voces e sensibilidades en feminino para sostermos a respiración e sobrevivir no caos da soidade.

Non desbota a autora a posibilidade de seducir os lectores no hipertexto que supón o artefacto dixital en VeloCity, onde xoga, ao xeito de Baudelaire, coa responsabilidade e a complicidade de compartir a lectura:

Indágame no teu oficio de lector

                                Mon semblable

E saberei morderte a conveniencia.

                                          Mon frère.

 

Respiración mecánica & VeloCity

TRADUCIÓN: ITXARO BORDA, CINTA MONTAGUT, MARIÑA PÉREZ REI

Máis información sobre a  autora:

http://www.uvm.edu/~tescaja/home.htm

Libro á  venda en internet:

http://www.agapea.com/libros/Respiracion-mecanica-VeloCity-9788498885736-i.htm

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *