Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos. II, de Pedro García Vidal

PEDRO 001Xerardo AgraFoxo. Este libro é a segunda parte da Tese de Doutoramento que defendeu o autor, na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago no ano 2012, sobre a evolución da paisaxe urbana na ría de Muros-Noia. O conxunto daquel traballo monumental abranguía un período de máis de oitocentos anos, dende o xurdimento destas vilas como enclaves pesqueiros até os nosos días. Nesta obra estúdase polo miúdo a poboación desta comarca, os cambios realizados no seu espazo urbano, a aparición dos Plans Xerais de Ordenación Urbana, a protección da paisaxe histórica e a desconfianza na planificación dos modelos de urbanismo. Tamén se destaca nun apartado diferente a transformación urbana experimentada nos outros concellos da nosa contorna. Nun capítulo titulado “Miradas no tempo sobre as paisaxes de Muros-Noia” reflíctense as olladas deixadas, entre outros, polo cartógrafo Teixeira, Ruth Matilda Andersen, cando percorreu Galicia entre os anos 1924 e 1926, e Annete Meakin, que estivo por estas terras afastadas no ano 1909.

Esta excepcional obra remata cunhas inevitábeis e comprometidas  Conclusións e un Índice onde se reflicten as 500 ilustracións –cadros, figuras e fotografías– que adobían con sinxeleza as súas apertadas páxinas. Sen dúbida, un esforzo admirábel e inxente levado a cabo por un dos maiores expertos de Galicia nestas cuestións tan vitais e transcendentes.

 

2 comentarios en “Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos. II, de Pedro García Vidal

  1. Grazas, amigo Domingo. Ti coñeces ben este mundo da investigación local. Contra a desmemoria e a indiferenza, os peores inimigos das nosas paisaxes , investigación e divulgación. Qúerese aquilo que se coñece.

    Saúde e bo ano para todos
    Apertas dende Noia.

  2. Encomiable, estampaxe para a historia de Muros e Noia integrando arqueoloxía, historia, arquitectura e paisaxe, perpetuando o decorrer destes pobos o longo dos séculos, ilustrado cun traballo gráfico de incalculable valor.

    Grazas Pedro polo teu legado e ó amigo arqueólogo viaxeiro Xerardo, por contribuír a promoción desta desta gran obra. Apertas aos dous.

Deixa una resposta a Domingo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *