Cartas a unha lectora, a un lector (VII)

olganovoVIIPilar Sampedro. Continuando co eixe de textos sobre a lectura, abandono os marcapáxinas do Día do Libro para bibliotecas escolares e voume á páxina do colectivo Lemos Le (formado por ensinantes, bibliotecas escolares e públicas, librarías e escritores/as) para seguir recollendo algún outro texto deste tipo.

Olga Novo (a autora do último Premio Nacional de Poesía) é da Pobra do Brollón e foi a primeira convidada a escribir algo sobre a lectura. Eu recollerei anacos dese texto, a ser posible, só recortando e pegando:

“O meu universo da infancia non tiña libros. O meu universo da infancia tiña vacas. O meu cuarto estaba xusto enriba da corte e escoitaba nas frías noites do inverno, tapada ata os olliños, o son das cadeas ás que estaban presas as vacas e oía os seus bufidos, a súa respiración.

O caso é que aquel meu cuarto, xa na mocidade, empezou a albergar algúns libros, exemplares de poesía, libros de historia, manuais de feminismo, biografías, novelas de Tolstoi e Flaubert, humildes edicións baratas dos clásicos, libros mercados cos aforriños e libros regalados con xenerosidade, xoia do ouro do pracer máis prezado; e a inmensa biblioteca entraba no meu cuarto polos soños. Eu acariñaba aqueles libros coma se fosen xentes queridas e debruzada na madrugada sobre as súas páxinas viaxei polo mundo sen saír da pequena aldea, do pequeno cuarto, da pequena cama desde onde oía respirar as vacas.

E así foi como aqueles libros do meu cuarto recibiron o profundo perfume das vacas que vivían xusto debaixo e o tecido de papel impregnouse para sempre daquel olor.”

Escribiu, o texto,  en 2014 e resultou ser unha autopoética porque nel explica a esencia da súa obra: a alta cultura universal impregnada polo mundo propio, labrego e pobre, case medieval. O mundo das vacas, o noso animal totémico, o que mellor nos define con esa mansedume do profundar.

A que, para min, é a mellor voz da nosa poesía actual, sintetiza da maneira máis sinxela o que vai dar lugar á súa obra de creación, as fontes das que bebe e as colleitas que a alimentan.

Cóntanos como dende o propio, sen perder nada do que se é, sen avergoñarse de nada do que nos constrúe, se pode chegar á literatura universal e poñer unha voz no concerto do mundo. Se duramos, veremos a súa poesía nas grandes antoloxías universais e sentiremos orgullo de que non nos negou senón que, polo contrario, fixo unha xoia con nome propio coas corres da nosa lingua e da nosa cultura. Ser unha, cun pé en cada mundo, ser sen deixar de ser, ser sen impostura. Chegar ás universidades de Europa sen abandonar a nena labrega que dorme nun cuarto sobre a corte das vacas, e volver a esa casa traendo o arrecendo das exquisitas flores das Academias que non desdín das que nacen nos nosos xardíns, ou mellor, nas nosas hortas, nas que sempre unimos o útil, o de comer a beleza que recollemos para levarllas aos mortos.

A autenticidade é o que percibimos cando lemos os seus poemas, pero tamén nas súas colaboración para Luzes na sección “O bosque dos cromosomas”.

2 comentarios en “Cartas a unha lectora, a un lector (VII)

  1. Decía Duclós : “El que sabe leer sabe ya la más difícil de las artes”.
    Olga Novo, como sabía leer, manejaba a la perfección esa ardua maestría acompañada de un coro de vacas y bufidos que le hacían de escolanía.
    Me encantará leer algo suyo.
    Un saludo palmeirán, Pilar.

  2. Bos días, Pilar. Creo que concordo contigo en case todo o que dis en relación coa miña admirada en secreto Olga Novo. Gracias por decir algo sobre o seu libro e o premio que recibiu. Considero que este é un ano de gracia para a poesía galega feita por mulleres, porque ao (premio) dela hai que engadir o de Alba Cid.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>