Conversas de escaparate. Música de charanga

8A29.tmpFidel Vidal. -Sería bo que todo rematase aquí mesmo. Non somos imparciais xulgando outras persoas.

-Estamos a falar de persoas ou de criminais?

-Non insinuarás que entre nós hai alguén con esa carga impresentábel?

-Eu non insinúo. Só digo o que digo.

-Con verbas envelenadas.

-O veleno non habita nas verbas senón na mala xente.

-Só por falar encarceraron a máis dun inocente.

-Polas palabras houbo sentenciados, fusilados e soterrados.

-A quen te refires?

-Refírese aos poetas.

-A ti ninguén che deu vela neste enterro.

3B1F.tmp-Refírome aos amos da xustiza e aos torturadores de canto ignoran.

-Inocentes como querubíns. Eles obedecen ordes.

-Calarás?

-Fixéronos desaparecer.

-Pero permanecen na memoria dos tempos.

-Nesta banda na que nos atopamos ninguén arriscaría a vida por falar.

-Eu si.

-Cantou o merlo.

-Non. Cantou o galo.

-Deixádevos de lerias que aínda non colleu confianza o sol para agromar.

-Daquela o deber dun galo é manter o peteiro pecho.

-O merlo é quen de media ducia de cantos e pode escoller segundo a hora.

-Outro poeta en forma de paxaro. Non o vaian fusilar tamén a el.

-Como dono da vitrina, podes ir preparando o coitelo.

-Dixen fusilar, non acoitelar.

-Os disparos farían demasiado ruído. Estouche ofrecendo un consello.

-O coitelo é silencioso. E co engadido de sentir como se crava.

-Para disimular estaría ben un acompañamento de orquestra. Por aquilo dos chíos que puidera emitir o axustizado.

-Eu son máis dun final con luces de cores e música de charanga.

3 comentarios en “Conversas de escaparate. Música de charanga

  1. “Deixádevos de lerias que aínda non colleu confianza o sol para agromar”.
    ¡Vaia frase màis fermosa!
    Eu coma boa ladroa de palabras, – coa tua licenza – rapíñoa para o meu vocabulario prestado, ou como di o noso querido profesor, para empregalas como algoritmos, que moitas veces por escaseza de creatividade sacan a unha dun apuro.
    As charlas de escaparate hoxe son tan cortantes coma unha espada toledana pero, tan reales coma a vida mesma. Segue con elas, que sirvan para ser algo máis que manequims.

    ANA MIS OJOS IMANA porque é vEntrIlOcUA.

    1. Benaventuradas sexan as ladroas de frases e palabras. polo menos hai alguen que lles dá uso. Aí están, aí estaban de sempre, para compartilas e gozalas, Un pracer como sempre ler as túas respostas, prezafa e

Deixa una resposta a Fidel Vidal Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *