Polos vieiros da saudade, de Ramón Otero Pedrayo

71OsnixPXlLX. Ricardo Losada. Custoume unhas poucas páxinas entrar no libro. Había tempo que non lía un texto de Otero Pedrayo, e aquel estilo que me fascinara nos anos oitenta en Arredor de si, provocábame un certo rexeitamento, probablemente, penso agora, porque o comprara convencido de que ía ler unhas simples memorias sobre unha viaxe de Trasalba a Bos Aires, con paradas en Tui, O Porto, Lisboa, Río de Xaneiro e Montevideo. E diso trata o libro, sen dúbida, pero tamén, e sobre todo, dunha viaxe pola vasta cultura universal e pola barroca vocación de estilo dun autor para quen escribir é, sen dúbida, moi en sentido decimonónico, escribir bonito. Pero axiña recuperei a fascinación, e devorei o libro en dúas longas sentadas, abraiado ante a capacidade de don Ramón por mesturar nun mesmo parágrafo o prosaico (mesmo o científico) e o lírico, o popular e a alta cultura, o sensible e o intelectual, a calma chicha e os mares embravecidos, Pedro Madruga e Leopardi, o Deuteromonio e a grandeza do eido, do torrón e do fogar galegos, e todo cun idioma galego riquísimo e orgulloso de mostrar ao mundo a súa beleza e a súa eficacia.

      Debo recoñecer, porén, que levei unha enorme decepción cando, xa en Arxentina, pasaban os capítulos, en concreto vinte e dous, e apenas había referencias á figura de Castelao. Mesmo comecei a recordar, como necesidade de superar o agravio comparativo que estaba a experimentar (falaba máis de Arturo Cuadrado) que este mes o concello de Rianxo celebra os Actos Castelao e que Miguel Anxo Seixas Seoane presentará o segundo tomo da súa excepcional biografía sobre o ilustre rianxeiro, no que aínda non inclúe (vai de 1931 a 1939) a súa estancia en Arxentina. Pero, de novo, a desilusión tornou entusiasmo ao atoparme un último capítulo titulado Castelao. E un capítulo no que don Ramón esquece a súa vasta cultura, mesmo lle aplica coidados paliativos á súa vocación de estilo, e narra cunha emoción contida, pero desbordante (don Ramón perdoarame con gusto o paradoxo), o seu encontro con Castelao en Bos Aires. Estamos en 1947 e levan sen verse desde o San Xoán de 1936, e atópanse, grazas a Manuel Puente, que os acompaña, a Castelao e a Virxinia, no hotel no que para don Ramón.

     E, de seguido, o capítulo convértese nunha das máis fermosas gabanzas a Castelao que un ten lido ou oído. Por unha razón moi sinxela. O meu olfacto faime desconfiar de calquera demostración de amor expresada con barrocas e solemnes palabras, e cun medido e calculado estilo literario. Pero Otero Pedrayo consegue en todo o libro e, sobre todo, neste último capítulo, que o que en calquera outro autor me parecería un artificio, ou unha demostración de vaidade, apareza como algo natural e propio da súa extraordinaria intelixencia. Imaxinade, xa que logo, que puiden sentir cando, en referencia a Castelao, di: O seu vivir era sinxelo, os seus gustos case ascéticos. Con amor manxaba os seus cachelos e a súa carne arxentina. Levaba sen se decatar, inocentemente, a pesadume da súa gloria. Unha gloria non descida sobre a fronte de ningún galego dende o pasamento de Rosalía, como ningún xenio, agás de Castelao, ten alumeado na Nosa Terra dende a autora de Follas novas e o pasamento de Pondal.

      E que aquilo o dixese con total sinceridade quen, para a min, é o escritor galego de maior formación intelectual, elevaba aínda máis a Rosalía, a Pondal e a Castelao, pero, sobre todo, o libro que acababa de ler.

4 comentarios en “Polos vieiros da saudade, de Ramón Otero Pedrayo

  1. Benquerida Carmen:

    Que che vou contar. Trump chegou a ser presidente de EEUU e coñecido en todo o mundo. Otero Pedrayo non é coñecido nin na súa vila. Os sistemas políticos e económicos teñen moi claros que valores promover. Eu non creo que sexas inculta por non coñecer a Otero Pedrayo. Creo que é inculto un sistema que permite que unha personalidade do seu nivel só sexa coñecida en pequenos círculos, mesmo en Galicia.

    A min gústame cada vez máis que me regalen libros. Pensei que iría perdendo
    interese, pero, grazas a Deus, que diría Magdalena, está pasando todo o contrario.

    Se esa é a definición de “xeitosiño”, non sei eu se será moi acaída para Agustín. É un tipo moi humano e, como sabes, aos tipos humanos sempre lles
    sobra ou lles falta algo.

    Agardo que levaras ben está mala racha que estades a sufrir os madrileños (pero non só os madrileños, aínda que ás veces dea esa impresión oíndo as noticias).

    Fortes apertas

  2. Querido Profesor:
    Después de leer los elogios que otorgas a la obra de don Ramón Otero Pedrayo, además de sentirme inculta, me entran unos deseos enormes de leer algo de este escritor con el que llegué a tropezarme alguna vez por Santiago. Hasta puede que oyese hablar de él cuando acudía con cierta frecuencia a los eventos celebrados en el Centro Gallego de Madrid, o en la Fundación Juan March de la que recuerdo una charla del doctor Rof Carballo sobre una serie de personajes de la cultura gallega. Lo triste es que en aquel tiempo me apremiaban otros intereses, y no conocía este Café que me llevó al encuentro con nuestra cultura, casi desconocida para mí.
    Últimamente a todo el mundo se le ocurre regalarme libros y tengo un buen lote esperando el turno de ser leído… Menos mal que a alguien se le ocurrió la feliz idea de elegir “Emocionarte”, de Carlos del Amor, un libro de relatos cortos que puedes intercalar haciendo un alto en lecturas más extensas.
    Para mí el significado de “xeitoso” es aplicable a la persona que posee las cualidades en su justa medida. Nada le falta ni le sobra.
    Un fuerte abrazo, de lejos

  3. Prezada Magdalena;

    No meu caso foi máis un problema estilístico. Sempre estiven convencido de que as persoas que pensan con claridade poden escribir e falar con claridade. Aínda así, durante moitos anos preferín os escritores e filósofos que, podendo escribir claro, escribían con certo hermetismo. Xa non. Iso si. Os que nunca me gustaron, nin agora nin antes, son os que escriben escuro porque non pensan claro. Otero Pedrayo, desde logo, non era destes.

    Aí tes dous autores que pensan claro e escriben e falan claro. Antón e Agustín. E cunha gran mestría. Désfrutaos como os desfrutei eu.

    Pódoche asegurar que Agustín está xeitosiño na foto porque é xeitosiño na
    realidade, signifique o que signifique xeitosiño.

    Mentres ti rezas, eu seguirei animando a un amigo meu que traballa nun dos proxectos das vacinas.

    Apertas rianxeiras!!!!

  4. Eso, querido profesor, pasa con moitos libros bos. Esta tempada lin uns cantos cos que me pasou o mesmo. Por exemplo: Casa de muñecas, Volavérunt, El sol de Breda, El burdel de lord Byron, Pepita Gimenez, Nada, Lluvia fina, etc, etc…Póis, todas estas que acabo de nomear, á medida que as estaba lendo, vía a calidade dos autores, pero o desenvolvemento da obra non me acababa de convencer. Ah! pero no intre de pasar a sinopse a unha libreta que teño só para iso, no momento de equilibrar o contido do que acababa de ler, non puden por menos de poñerlle a todas elas catro estrelas, que é a maneira que teño de calificalas.
    Agora, cando acabe a que teño en man, vou a comezar ca de Agustín Agra “Silencio” e logo ” O paraíso dos inocentes” de Antón Riveiro, ou viceversa.
    Teñoas desde onte na casa. Os Reis non puderon chegar antes polas restricións dos concellos, póis as suas Maxestades deixáronmas na librería da Pobra e non podía acceder a elas, pero como onte J.M tuvo que ir a Santiago, á volta foi por alí. Agora xa lle podo poner cara a Agustín. Na foto está moi xeitosiño.
    Bueno, querido profesor, segue lendo con moita saúde, eu seguiréi rezándolle a san Roque de Montpelier, patrón das pestes e das epidemias.
    Biquiños palmeiráns.

Deixa una resposta a carmen gonzález Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *