Pazos

20200219_101230Xosé Manuel Lobato. O fuxidío Edén, ese lugar sublime que todos procuramos con anhelo na nosa constante romaría da vida. Porén, o idílico enclave está tan afastado que en moi raras ocasións o ser humano consegue atopalo ou identificalo. Malia todo, o certo, é que ese Edén semella errante no seu tránsito, deixando un misterioso arrecendo no ar da súa especial e inalcanzable esencia.

Celme histórico para formar un recuncho sen par, un diminuto val, perfectamente delimitado por coordenadas verdescentes.

Pazos, entre portelas naturais, nun esforzo agarimoso da nai Natura pola vida en harmonía entre o medio e os seus poboadores.

No límite oposto ao setestrelo, varias chouzas vizosas polo estrume alimentario, na oposición á centenaria carballeira cantaruxeira, mentres pola banda do solpor está un carrusel de estivadas.

Dende o nacente, chegan a Pazos as augas formando regos e pequenos regatos de cantar silandeiro. Aquí os veciños e veciñas desta paraxe sen parangón, madrugan para ollar o nacente, alí o miradoiro máxico no cumio mítico é o primeiro en saudar a Lourenzo.

O ritmo vital de Pazos posúe o embruxo dese murmurio bucólico dos seus regatos, todos eles no abrollo de espontáneas fonteliñas que chegan brincando dende esa aba encantada que pecha os ollos entoando ao unísono con Lourenzo.

O son que resoa nesta alfaia natural chega dende a súa natura de obrigado respecto, aquí a fauna goza dunha contorna agradable, onde veigas e prados comparten ese equilibrio coa vida das persoas.

O ser humano como artista modelador, semella que actuou con delicado senso común dende tempos atrás, nunha vida íntima de pés inmersos na terra.

Aquí todas as vivendas gozan dese privilexio exclusivo, malia a súa humildade, de estar rodeadas por unha eira coa corresponde hortiña e o seu quinteiro.

No entanto, o grande privilexio é gozar dunha fontenla propia. A publiosidade do terreo fai de Pazos un verxel, onde semella que vivir é unha ficción, mais Pazos é unha realidade que supera á imaxinación de calquera forasteiro.

Pazos é feitizo no val

agarimo e paixón anual.

 Brisas faladoras

augas murmuradoras.

Ánimas de fadas boas

rechouchío de voadoras.

Coral das chozas no ar

paxarada de fondo trinar.

Regueiros e fontes paroleiras

amenizan hortas e eiras.

Mural de flor garrida

arrecendo no halo da vida.

Un comentario en “Pazos

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *