Conversas de escaparate. Perfume

imaxe1Fidel Vidal. -Por ser como eu son véxome soa e abandonada, tirada na gabia como unha cadeliña indefensa e desprezada. Unha desposuída. Fíate das amigas! Mentres me consumo chorando en silencio, ela seguro que anda de esmorga a rirse desta inxenua. Estounos a ver, os dous de ganchete celebrando a estrea do noivado, unha festa que oxalá remate en traxedia. Que os parta un raio. Non son a primeira muller, seino, nin serei a última, a padecer traizón semellante. Dóeme pensar no que falarán. Que se estaban namorados antes de me coñecer… Iso el, incoherente deslucido. Respecto da miña amiga –amiga? vaia coa amiga!- supoño que o bicará até estragarlle os beizos, murmurándolle na orella: “Canto sufría cada vez que vos vía xuntos!”

A moi puta traizoeira. Bailarán arrimados refregándose as coxas, quentándose, retorcéndose, excitándose, apurando a hora que os meta na cama para remataren a faena, recordando entre suspiros a ausencia da inocente cornuda. Por non me atrever, sería eu causante da miña desgraza? Por non aceptar os seus caprichos sexuais. Talvez pequei de pusilánime. De cándida e esgazada de min mesma. Fun quen de llo presentar. Velaí a miña culpa. Estou a pagar por esa imprudencia, a de pórlle en bandexa este bocado de home. E aló se foi coa pendanga. Mais por riba de todo debe sobresaír a dignidade. Con ou sen recendos. Na despedida pregunteille por que, non será polas tetas, un chisco pequenas? El respondeu: “No mesmo momento que ma presentaches, en canto lle dei os dous bicos de cortesía, perdín a cabeza”. Sen dar creto, insistín, e case sen alento volvín preguntar: así, tan de repente? El respondeu: “Así mesmo, e o seu perfume…”

5 comentarios en “Conversas de escaparate. Perfume

  1. Recordo perfectamente ó protagonista que naceu naquela praza de peixe porque foi unha novela que releín.
    Hoxe ao ler a tua resposta tratei de ubicar mentalmente a novela de Patrick Suskind na estantería que estaría ubicada. Non fun capaz. Mirei na libreta donde teño apuntados todolos libros e levei unha desagradable sorpresa: Non a tiña apuntada. Recordei que os libros teñen o seu orgullo. Cando se prestan, non volven nunca.
    A partir de agora vou a facer coma Ramón Gómez de la Serna que tiña un cartel encima dos libros que poñía : “Peligro de muerte” para que ninguén llos tocara.

    Algún UltrAlIxEIrO de mans, o levou.

    Castos biquiños.

  2. Querido Fidel:

    Ese escaparate é tan real como a vida mesma.

    Polo demais: fago meu -xa quixera- o que tan ben manifesta Magdalena. Como sempre. Admírame a súa presteza en contestar.

    Eu aquí as voltas co meu incipiente galego culto.

    Unha forte apreta imaxinaria aos dous.

    P.D.: Terías inconveniente en facilitarme a firma do perfume da amiga “pendona”?

    1. Suor fresco. Os meus parabéns polo galego que escribes. O de se é culto ou de culto, non teño nin autoridade nin coñecemento para tan complicada avaliación. Non deixes de escribir en galego, aínda sexa menos culto e con faltas de ortografía. Niso andamos case todos. O importante, penso eu, é facer uso do idioma. Isto lémbrame a triste situación que padecen tantos galegos e galegas que son capaces de falar e de escribir en inglés, e mesmo en alemán, por unha singular e nada explicable eiba, prezada Carmen, semellan discapacitados para o galego. Unha mágoa. Forte aperta e saúde.

  3. Vaia, vaia, co rapaz ! perdeu a cabeza por culpa da pituitaria que lle fixo disparar un cañonazo de testosterona no cerebro. E qué perfume levaría posto a rapaza ?
    Tiña razón Galeno cando dixo que o corazón é unha bomba que pon toda a sangue en movemento.
    Polas “tetas un chisco pequeñas” non pensó que fose, non sempre as montañas son máis fermosas cas planicies.
    Eu penso que entre o perfume, e Eros, amañaron a cousa, porque xa sabes que Eros é o promotor das “promocións púbicas”.

    É unha gozada ler as túas socarronas entradas pola mañanciña, ben querido Fidel, os teus pacientes seguro que xa saían curados da consulta.

    Moitos castos biquiños.

    ATETA … da de mamar en ambolosdous sentidos. Cerca do rIAchUElO.

    1. Os perfumistas saben ben que clase de esencia é quen de atrapar un mozo ou unha moza polo cheiro. Sempre e cando veña acompañado dunha paisaxe axeitada, naturalmente. Como tempos atrás “O perfume”, novela de Suskind, atrapoume a min, aquel personaxe con anosmia nacido entre “majas” de peixe. Pero esta é outra historia. Ao que vamos, trátase de feromonas, que tanto deu que ensaiar e escribir. Disque o aroma da canela, do chocolate, levan consigo un recendo que pon en marcha unha relación. Que eu lembre, sendo mozos, non precisabamos de tantas finezas. Tes razón, a cousa sempre comeza polo alto, pola cachola. E deste xeito, contando aventuras e deslealdades, imos pasando o tempo que nos cadra vivir, casta Magdalena. Biquiños exentos de feromonas e desexos de moita saúde.

      O CASO NO SACO, con prEcAUcIÓn.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *