Galicia gana o festival de Eurovisión

Silencio00X. Ricardo Losada. Weber dicía que o protestantismo, para inculcar os valores de amor ao traballo, honradez, vida dura, aforro e apego ao capital, levou a cabo nos países do norte de Europa un ríxido control da vida cotiá. Comprobei esa tese a primeira vez que estiven en Alemaña. Paseaba por unha avenida de Berlín de oito carrís e, de súpeto, sentinme inquieto. Non tardei en saber a razón. Había excesivo silencio. Nunha avenida española con moitos menos carrís o ruído sería insoportable. Alí, os coches ían a pouca velocidade, os condutores non insultaban nin usaban a bucina nos semáforos, ata as ambulancias e os coches de policía adiantaban sen usar a sirena. Aqueles tipos, como dicía Weber, tiñan que estar moi rixidamente controlados pola Autoridade para non descargar na condución a mala hostia que habían de ter como calquera fillo de veciño. Supoño que para tranquilizarme recordei algo que dicía un europeo do sur, o portugués Miguel Torga, nos seus diarios: “Fóra das fronteiras de Portugal, sobra moito dese civismo que a nós nos falta, pero non hai rastro desa humanidade na que somos tan pródigos”.

     Caralliño. Torga, que nacera nunha aldea remota da montaña, era máis sutil que o centroeuropeo Weber. Para Max humanidade e civismo identificábanse. Para Miguel, unha persoa ou un país podían ser humanos sen ser cívicos, e cívicos sen ser humanos. Deille a razón a Torga, e non, desde logo, por afinidade xeográfica, senón por comprobación empírica. Aquela avenida sería todo o cívica que se quixera, pero era pouco humana. Qué cafetería lle gustaría máis aos cromagnons, é dicir, aos primeiros humanos, unha silenciosa de Berlín con ducias de conversas humanas na que o único que se oe é o zunido das moscas, ou unha desas de vila galega mariñeira con ducias de conversas a berros mentres o televisor e o fío musical compiten a todo volume por anularse reciprocamente? Ollo. Non pregunto cal é máis cívica, senón máis humana. Se tedes dúbidas, pensade que nos hospitais e nos cemiterios e nas aulas, reina o silencio, e nas festas e comidas familiares e recreos, o barullo.

     Non pensedes que, como galego, tiro para a casa. O mesmo cá min, pasoulle ao norteamericano Lou Reed noutro país protestante. Quedou pampo ao ver que os suecos non cruzaban nunca un paso de peóns co semáforo en vermello; agardaban a que cambiase a verde aínda que non se vise un coche a quilómetros de distancia. Ao volver a EEUU, preguntáronlle que lle parecera Suecia, e dixo: “Horrible, todo funciona ben”. Traducido ao idioma de Torga: todo moi cívico pero pouco humano.

El-silencio-en-el-cine     Eu teño outra experiencia parecida nun hotel de Viena. Cinco amigos almorzábamos de bufete e un deles foi buscar un segundo zume ao mostrador. A uns dez metros, eu berreille Luís, trae azucre. O salón estaba cheo de xente en respectuoso silencio. Ducias de miradas asasinas (máis humanas que cívicas, por certo) se concentraron en min. Creo que nunca me ruboricei tanto. Ao chegar a Rianxo sublimei nun relato esa experiencia. Nunha das escenas, un periodista galego namorado dos países nórdicos, farto de que o multen por aparcar en zona prohibida ao lado da casa, cando o fixera toda a vida (tería que aparcar a cen metros!), desde que ao alcalde lle deu polo civismo protestante, reprende a este nestes termos: “Ese rigorismo está ben para os nórdicos, pero para nós só é recomendable en vacacións, e lonxe de aquí. Os nórdicos veñen aquí en vacacións, e desbarran; nós imos alá, e civilizamos. Unha semana, máis non”.

     Europa, cívica, humana ou cívica e humana? Iso é o que temos que decidir os europeos. Polo que eu sei, só hai un pobo en Europa que cumpre os dous requisitos. O galego. Si, si, escépticos e apoucados compatriotas, oístes ben. Se non vos fiades de min, preguntade en países protestantes como Suíza, Alemaña ou Bélxica: nunca houbo emigrante máis traballador, honrado, aforrador e disciplinado (calvinista) que o galego. Emigramos e non protestamos, como dicía Castelao, pero no relixioso somos máis protestantes que católicos, a honrosa excepción que confirma a regra de Weber. Se aínda dubidades, pensade na nosa historia. Fomos católicos porque non nos quedou outra (para ser protestantes teriamos que protestar), pero a nosa historia é máis atlántica que mediterránea. Sempre chegamos antes a Inglaterra que a Cataluña. Como di Miguel Anxo Murado, “os momentos nos que Galicia puido relacionarse a través do Atlántico fóronlle propicios”; cando non, empobreceu. Un dato curioso, pero significativo: a única rexión de España con presenza na II Guerra Mundial foi Galicia. Razón? A súa importancia no control do Atlántico. Si. Temos espírito protestante. Pero malos galegos seriamos se fósemos isto ou aquilo. Somos isto e aquilo, depende. Por exemplo. Traballamos como bos protestantes, con rigor e seriedade, pero, ao mesmo tempo, traballamos cantando, como bos católicos. Vouvos pór un exemplo definitivo. Imaxinade un taberneiro que ten o seguinte problema. Vanlle moitos borrachos polo bar e cantan a berros todos os días. Os veciños ameazan con denuncialo. Cómo resolvería o problema un europeo do Norte? Pondo un cartel: PROHIBIDO TERMINANTEMENTE CANTAR. Cómo o resolvería un europeo do Sur? Outro cartel: CANTA, HOSTIA, CANTA! E A QUEN NON LLE GUSTE QUE LLE BOTE AZUCRE. Un taberneiro do Franco de Santiago resolveuno (está aí para ver) con estoutro: SE CANTAS MAL, NON CANTES; SE CANTAS BEN, CANTA FÓRA. Con moitos coma el, outro galo lle cantaría a Europa.

10 comentarios en “Galicia gana o festival de Eurovisión

  1. Prezado Ramiro:

    En primeiro lugar, grazas por compartir comigo esa reflexión. É moi significativa. Podería utilizala no meu texto se eu tivese un amigo así.

    E felicitarte tamén polas túas colaboracións neste Café. Non me estraña que Antón Riveiro Coello estivese encantado cos alumnos/as que tivo no obradoiro de
    Rianxo. Agardo que non se enfade, pero, cuns alumnos/as así, calquera é profesor.

    Fortes apertas!!!

    1. A calidade do mestre, X Ricardo, está fóra de toda dúbida. E canto ao obradoiro vou dicir, unha vez máis, que foi unha experiencia marabillosa. Polo mestre dende logo, mais tamén por todas e todos. Coñecer a esas persoas, a todas, enriqueceu a miña vida. E non me importa que a verdade soe tan fachendosa. Unha aperta

  2. Prezada Carmen:

    Díxenlle a Magdalena que aínda permanecía en min o abraio que me provocou un libro de Torga. O mesmo podería dicir dunhas croquetas que tomei hai moitos anos nun bar de Castro Urdiales. Haberá quen diga que non son emocións comparables. Sen dúbida, pero, neste caso, e sen que sirva de precedente, atreveríame a comparalas. Só con oír ou ler a palabra xa viaxo a Castro Urdiales, do mesmo xeito que só con oír falar de Torga xa viaxo a Trás-os-montes.

    E xa que hoxe estou un pouco irreverente, direi que, aínda que desfruto do silencio, tamén desfruto do barullo. (Non do ruído). Encántame o barullo de Rianxo no feirón mariñeiro ou na sobremesa dunha festa familiar ou dunha comida de amigos. Nada máis relaxante.

    Moitos católicos actúan máis como se cresen en Dostoievski (Se Deus non existe, todo está permitido) que no Sermón da montaña. Moi triste.

    Que estás debuxando?, pregúntalle o mestre ao neno.
    Debuxo a Deus.
    Pero ninguén sabe como é Deus.
    Agarda un momento, di o neno, e saberalo.
    Coincido contigo. Aos nenos non hai que ensinarlle a saltar as normas!!!

    Fortes apertas!!!!

  3. Anos atrás coñecín e traballei man a man cun alemán que tiña unha importancia grande e central nos traballos de carga e descarga no porto de Hamburgo. Era un deses que enchían, silandeiramente, as avenidas de oito carrís de Berlín, que conta X. Losada. Un día, ao final doutra xornada abafante e intensa, confesoume que estaba farto, moito, e que contaba as poucas semanas que aínda lle faltaban para ir de vacacións. Pregunteille a onde ía ir e contoume que sempre facía o mesmo: os primeiros quince días a unha pequena aldeíña costeira portuguesa, lonxe das presas e do reloxo. E as outras dúas semanas absolutamente mergullado no balbordo e na tolemia dunha localidade turística no sur de España, perdido na caterva que enchía praias, bares e rúas, preparando a caldeira anímica para poder ser de novo, durante, once meses, comedido e cívico, como correspondía.

  4. Prezada Magdalena:

    Todo Torga é unha marabilla. Se tivese que escoller un libro, sería, sen dúbida, A creación do mundo. É un dos libros que máis me impresionou, e que me nego a reler por temor a que esa nova lectura borre a sensación de abraio que, vinte anos despois,
    aínda me dura. Puro humanismo.
    O Diario tamén é extraordinario. En narrativa, quédome cos Contos da montaña.

    Un saúdo.

  5. Querido profesor:

    Ayer por la noche me dediqué a hacer croquetas hasta pasada la una de la madrugada. Antes de irme a la cama eché un vistazo al ordenador por si habían subido un cuento que traduje al gallego. No estaba. Pero sí había una entrada tuya. Lo primero que detecté fue un nombre: Weber.

    Por un instante creí que pudiera tratarse del compositor Carl Maria von Weber (“cada loco con su tema”, que diría mi abuela), autor de “Der Freischütz” (El cazador furtivo), ópera que para mí tuvo diversas connotaciones -alguna graciosa- a causa de mi desconocimiento del alemán. Pero no te referías al compositor, como era de suponer: se trataba del filósofo Max Weber.

    Siempre pensé que el silencio absoluto tiene que ser aterrador. Me apunto al ruido humanizado, a pesar de que cuando me toca hablar, si hay jolgorio, dada mi poca voz, nadie me escucha.

    De los países centroeuropeos que conozco, me quedó bien patente una sola cosa: si no conoces más idioma que el español, ¡aviado vas!

    Me siento afín al pensamiento de Miguel Torga y también, como le ocurría a él, Unamuno es uno de mis escritores preferidos.

    Parece que nuestro catolicismo es de pura conveniencia: como el de Enrique IV. O tal vez por tradición. O “por si acaso”, como decía una persona a la que conocí y ya no está. Pero también lo hay auténtico, aunque existan dudas ante la falta de respuestas inmediatas. Pero, ¿acaso no decís los filósofos que dudar es necesario para llegar al conocimiento de la verdad?

    ¡El Franco! ¡Cuántos recuerdos…! Muy acertada la solución del tabernero.

    En cuanto a cruzar en rojo… Cierto día llevaba agarrada de la mano a una nieta pequeña. Al llegar a un semáforo, y viendo que no se divisaba coche alguno, me dispuse a cruzar. La niña tiró de mí. Al ver que no se movía del sitio le pregunté extrañada:

    -¿Es qué no quieres ir a la piscina?

    -¡Sí! ¿¡Pero no ves que el hombre no está verde!? –gritó enfadada.

    Conclusión: saltarte la norma a la torera de cuando en cuando no es cosa mala; pero no lo hagas si vas con niños.

    Un aplauso, también a Magdalena que siempre tiene a punto la frase adecuada. ¡Cuánto se aprende de vosotros, aunque lo mío siga siendo divagar…!

    Un abrazo a los dos.

  6. Non, que eu recorde non lín nada de Torga. Espero facelo xa que ti o recomendas. Cando poidas apuntarme un par de títulos dos máis aconsellables, apuntareinos para cando lle chegue o turno.

    Moitas grazas, querido profesor. Bos días.

    “Civismo ciencia e humanismo han de ser un abrazo e non un muro que separa razón e sentimento”. Pablo Serrano.

  7. Prezada Magdalena:

    Grazas polo entusiasmo.

    Polo demais coincido contigo. A frase de Miguel Torga é extraordinaria. De feito, creo que unha educación só baseada no civismo pode dar lugar fácilmente a hooligans, como os exemplos que ti aportas, mentres que unha educación humanística, non.
    Por certo. Cando falo de Torga non podo evitar recomendalo. Supoño que xa o terás lido pero, se non é o caso…

    MOi fortes apertas!!

  8. ¡¡ Preciosa entrada !! bonita de verdade, querido profesor.

    Eu creo que a cultura no Reino Unido ou en calquera dos países que ti nombras, nunca foi tan boa coma en España. De feito, incluso eses colexios tan exclusivos chamados “Public Schools” alardean sempre de formar o carácter dos seus alumnos mellor que de impartir coñecementos.
    E a pesar de toda esa disciplina, aínda lle falta unha fervura civilizadora como demostran cando veñen de vacacións ás nosas costas buscando o sol e bebida barata. En canto empinan unha migalla o codo, eses coñecementos adquiridos nesas escolas, vólvense animais, ou para dicilo máis finamente e no seu idioma, en “hooligans”.

    Polo tanto, nós sigamos sendo cívicos e humanos aída que pidamos o azucre berrando. O azucre enzulza a vida, sácalle acritude.

    Unha aperta, querido profesor. Precioso artigo.

Deixa una resposta a x ricardo losada Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *